Clases e categorías funcionais de estradas

Compártao :

Compartir

Clases de estradas

O artigo 4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de Estradas de Galicia, clasifica as estradas, en atención ás súas características técnicas, en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais.

Son autoestradas as estradas que:

  • Están reservadas para a circulación exclusiva de vehículos automóbiles
  • Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación
  • Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outras vías de comunicación
  • As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas
  • Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude

Son autovías as estradas que:

  • Constan de distintas calzadas para cada sentido de circulación
  • Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outras vías de comunicación
  • As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas, agás mediante vías de servizo ou noutros casos excepcionais
  • Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude

Son vías para automóbiles as estradas que:

  • Están reservadas para a circulación exclusiva de vehículos automóbiles
  • Constan dunha única calzada, aínda que poidan estar proxectadas con previsión da súa futura duplicación
  • Non cruzan nin son cruzadas ao mesmo nivel por outras vías de comunicación
  • As propiedades lindeiras non teñen acceso directo a elas, agás mediante vías de servizo ou noutros casos excepcionais
  • Están valadas, en ambas as dúas marxes, en toda a súa lonxitude

Son estradas convencionais as que non reúnen as características das autoestradas, autovías ou vías para automóbiles.

Porén, o artigo 10 do Regulamento Xeral de Estradas de Galicia establece que cando as estradas, ou treitos perfectamente delimitados destas, pasen a reunir as características técnicas dunha clase distinta, poderán adquirir a consideración legal da devandita clase, previa a tramitación do correspondente expediente, que se regula nese mesmo artigo.

No seguinte enlace pódense consultar os expedientes de cambio de clase de estradas tramitados ata o momento.

Categorías funcionais de estradas

A Sección 3ª (artigos 32 a 35) do Capítulo I do Título II do Regulamento Xeral de Estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, establece que as estradas categorízanse funcionalmente en tres redes, atendendo á categoría dos núcleos urbanos ou centros de actividade aos que serven, así como á función que desempeñen en relación coa ordenación do territorio e o sistema de transporte:

  • Rede Estruturante
  • Rede Complementaria
  • Rede Local

A categorización funcional das estradas de Galicia poderá ser establecida por:

  • O Plan Director de Estradas de Galicia
  • O catálogo de estradas de cada administración titular
  • Os estudos informativos ou, se é o caso, os anteproxectos ou proxectos que asuman a súa función, nos termos establecidos regulamentariamente

A Rede Estruturante está formada polos grandes eixos que, xunto coa rede Rede de Estradas do Estado, vertebran o territorio, o conectan coas redes de estradas da República Portuguesa e das comunidades autónomas de Asturias e Castela e León e relacionan entre si:

  • Os espazos urbanos
  • Os nodos do sistema urbano intermedio
  • Os aeroportos e portos de interese xeral do Estado

A Rede Complementaria está formada polas estradas que, xunto coa Rede de Estradas do Estado e a Rede Estruturante, conectan os nodos para o equilibrio do territorio entre si e coas anteditas redes.

Formarán tamén parte da Rede Complementaria aquelas estradas que, sen formar parte da Rede de Estradas do Estado ou da Rede Estruturante, constitúan o principal acceso a:

  • Os parques empresariais de carácter estratéxico e parques empresariais de influencia supracomarcal previstos na planificación sectorial de áreas empresariais de Galicia.
  • As estacións de ferrocarril de alta velocidade, cando se sitúen en núcleos de poboación aos que non se acceda a través doutras estradas da Rede de Estradas do Estado ou da Rede Estruturante, ou fóra da rede de vías urbanas dos núcleos de poboación.

A Rede Local está formada por todas as estradas non incluídas na Rede de Estradas do Estado, na Rede Estruturante ou na Rede Complementaria.

En particular, formarán tamén parte da Rede Local aquelas vías que, sen formar parte da Rede de Estradas do Estado, da Rede Estruturante ou da Rede Complementaria, constitúan o principal acceso a:

  • Concellos que non dispoñan de acceso a través doutras estradas.
  • Parques empresariais de rango comarcal, plataformas loxísticas, parques especializados e parques tecnolóxicos orientados á innovación, desenvolvemento e investigación previstos na planificación sectorial de áreas empresariais de Galicia.
  • Portos de titularidade autonómica, estacións de ferrocarril convencional e estacións intermodais, cando se sitúen en núcleos de poboación aos que non se acceda a través doutras estradas ou fóra da rede de vías urbanas dos núcleos de poboación.
  • Equipamentos colectivos sanitarios, asistenciais, educativos, culturais, deportivos, administrativos e recreativos de carácter supralocal, cando se sitúen en núcleos de poboación aos que non se acceda a través doutras estradas ou fóra da rede de vías urbanas dos núcleos de poboación.