CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta presenta aos veciños de Vincios o proxecto de eliminación dun tramo de concentración de accidentes na PO-331 en Gondomar

López-Chaves e técnicos de Infraestruturas explican as obras previstas entre a saída da primeira glorieta do polígono da Pasaxe e a rotonda de intersección coa PO-341

O delegado da Xunta en Vigo subliñou a mellora dos accesos desde a PO-331 cara a Chandebrito, a Piñeiro (p.q. 13+650) e ao centro escolar da zona (no p.q. 13+890)

O Goberno galego investirá 5,5 millóns de euros na supresión de 18 tramos de concentración de accidentes en seis estradas autonómicas da área de Vigo

  • O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, xunto a técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na xuntanza
  • O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, xunto a técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na xuntanza
  • O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, xunto a técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, na xuntanza

Vigo, 12 de setembro de 2018.- A Xunta de Galicia reuniuse hoxe con veciños da parroquia gondomareña de Vincios para presentarlles o proxecto de mellora de seguridade viaria na contorna dun tramo de concentración de accidentes na estrada PO-331. O delegado territorial, Ignacio López-Chaves, xunto a técnicos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda explicaron ao detalle as actuacións programadas na devandita vía, nunha reunión á que tamén asistiu o alcalde desta localidade pontevedresa.

Segundo informou o representante autonómico, as obras desenvolveranse entre a saída da primeira glorieta do polígono da Pasaxe e a rotonda de intersección coa PO-341, en Vincios, actuacións puntuais coas que se pretende evitar ou reducir a accidentalidade. O proxecto, ademais da execución dunha glorieta no p.q. 12+250, mellorando o acceso principal do polígono, introduce a construción doutra rotonda no p.q. 13+940, na Veiga.

Asemade, contémplase a sinalización dun carril central de espera para facilitar o acceso desde a PO-331 cara a varias estradas, co obxectivo de facilitar os xiros á esquerda. Neste senso, López-Chaves indicou que se trata dos accesos a Chandebrito; a Piñeiro, no p.q. 13+650; e ao centro escolar da zona, no p.q. 13+890.

A intervención neste tramo contempla ademais melloras no acceso desde a vía que conecta no p.q. 12+800 facilitando así a circulación dos vehículos pesados desde esta estrada cara o polígono da Pasaxe. Actuacións que en todo caso, foron sometidas por segunda vez a información pública co compromiso do delegado da Xunta de que se estudaran as alegacións, que trasladoulles aos veciños a vontade de aceptar os cambios propostos.

Cómpre lembrar que este proxecto está enmarcado na estratexia deseñada pola Xunta para ter eliminados en 2020 todos os tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas mediante a execución de 40 actuacións en 90 quilómetros, cun investimento de 12,3 millóns de euros.

No que atinxe a área de Vigo, o Goberno galego investirá 5,5 millóns de euros na supresión de 18 tramos de concentración de accidentes en seis estradas autonómicas.

A Xunta continúa traballando no seu firme compromiso coa seguridade viaria e avanzando un novo paso na consecución dos obxectivos marcados no Plan de seguridade viaria 2016-2020: a redución nun 50% das vítimas mortais nas estradas galegas con respecto ás do ano 2011.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es