CMATI

|
|
|
Compartir

O expediente de expropiación

O expediente debe vir completo, con documentos orixinais ou copias autenticadas, foliado numericamente na orde cronolóxica da súa formación, acompañado dun índice e dunha dilixencia datada que certifique o número de folios que conteña.

Definición de expediente completo

  1. Taxación individual
    1. Descrición exacta do ben concreto que se vai expropiar (art. 26.1 LEF) ou, no seu caso, acta previa á ocupación.
    2. Requirimento ao expropiado da súa folla de aprecio (art. 29.1 LEF) e os seus xustificantes.
    3. Folla de aprecio do interesado, de formulala este, na que se concrete o valor en que estime o obxecto que se expropia, coas alegacións que estimase pertinentes (art. 29.1 LEF).
    4. Folla de aprecio desa administración coa notificación ao interesado (art. 30.2 LEF).
    5. Escrito do expropiado, de existir, rexeitando o prezo ofrecido pola Administración.
    6. Certificación urbanística comprensiva da clasificación do solo, cualificación dos terreos coas condicións de edificación, e información acerca de dotacións de servizos urbanísticos de que dispoña ou poida chegar a dispoñer sen outras obras que as de conexión, en relación coa determinación da súa situación básica (art. 12 RDL 2/2008, de 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da lei de solo), na data da declaración da necesidade de ocupación. No caso de solo incluído en ámbitos delimitados para os que o planeamento establecera condicións para o seu desenvolvemento, faranse constar os prazos fixados para este.
  2. Taxación conxunta
    1. Proxecto de expropiación, que deberá conter:
      1. Delimitación do ámbito territorial, cos documentos que o identifiquen en canto a situación, superficie e lindes, coa descrición de bens e dereitos afectados e a relación dos seus titulares.
      2. Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.
      3. Follas de prezo xusto individualizado de cada predio, nas que se conterá non só o valor do solo, senón tamén o correspondente ás edificacións, obras, instalacións e plantacións e outras indemnizacións.
    2. Certificación urbanística comprensiva da clasificación do solo, cualificación dos terreos coas condicións de edificación, e información acerca de dotacións de servizos urbanísticos de que dispoña ou poida chegar a dispoñer sen outras obras que as de conexión, en relación coa determinación da súa situación básica (art. 12 RDL 2/2008, de 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da lei de solo), na data da declaración da necesidade de ocupación. No caso de solo incluído en ámbitos delimitados para os que o planeamento establecera condicións para o seu desenvolvemento, faranse constar os prazos fixados para este.
    3. Copia do anuncio do DOG da exposición ó publico do proxecto de expropiación (aprobación inicial).
    4. De existir, alegacións dos interesados á aprobación inicial do proxecto de expropiación.
    5. Informe sobre as alegacións ó proxecto de expropiación, realizado polo expropiante.
    6. Xustificante da notificación con acuse de recibo da resolución aprobatoria do expediente (acordo de aprobación definitiva) aos interesados titulares de bens ou dereitos afectados pola expropiación.
    7. Escrito de oposición en prazo (20 días) á valoración establecida pola administración expropiante efectuada polos interesados.
    8. Compre que se poña en coñecemento deste Xurado se se interpuxo ou non recurso de reposición contra a aprobación definitiva do proxecto de expropiación que afecte ós bens/dereitos ós que se refire a peza separada. En caso afirmativo debe achegarse copia da súa resolución expresa para poder considerar que o expediente está completo para a súa valoración.
  3. Ocupacións temporais (art. 108 LEF)
    1. Aprobación do proxecto e do plan inicial e anual do permiso de investigación (art 104 en relación co 47 e 48 da lei 23/73 de minas).
    2. Notificación da oferta económica ó expropiado, na que figure claramente a superficie a ocupar, o prazo de ocupación e a cantidade ofertada.
    3. Rexeitamento da oferta polo expropiado.

Suxestións

Coa primeira das pezas separadas, enviarase un exemplar do proxecto completo de expropiación (imprescindible planos de expropiación en formato dixital, xeorreferenciados, e co planeamento vixente á data de necesidade de ocupación nunha capa) e copia dos anuncios da declaración da necesidade de ocupación. Na medida en que sexa posible, remitiranse tódalas pezas separadas derivadas do proxecto (incluídas as complementarias se as houbera) dunha soa vez.

Para unha tramitación máis áxil dos expedientes expropiatorios, no caso de ser varios os interesados que figuren nunha das posicións dun procedemento (expropiante, beneficiario ou expropiado), prégase que se sinale un representante co que se entenderán as actuacións.

Con idéntico fin, achegaranse bases de datos nas que figuren os das pezas separadas dun proxecto (ver apartado modelos no menú principal).