CMATI

|
|
|
Compartir

Servizos baixo demanda

A Xunta de Galicia está a impulsar medidas que melloren a prestación dos servizos de transporte público. Así, incorporaranse novas paradas e servizos que van ser prestados logo da reserva de prazas polas persoas usuarias.


O transporte Baixo demanda permitirá levar o servizo público de transporte a máis localidades e poboacións e, ao tempo, garantir a súa propia eficiencia e o aforro enerxético, pois o autobús ou o microbús só viaxará se hai xente que demande o servizo.


Como pedir o servizo?


Moi fácil, simplemente deberá chamar ao teléfono 988 68 78 00.


Unha persoa atenderalle de 8 a 20 horas, todos os días laborais.


Nunha única chamada poderá reservar varias prazas no autobús ou, mesmo, reservar varias viaxes para os próximos 15 días.

 

Teño que chamar sempre para poder utilizar os autobuses?


Non. Só terá que chamar para reservar praza en paradas que se presten baixo demanda. Nesta mesma páxina ten información sobre as paradas e os servizos que, en cada concello, se prestan baixo demanda.


Tamén pode obter información dirixíndose á empresa de transporte que preste o servizo (nos enlaces situados á esquerda poderá acceder ás empresas que prestan os servizos en cada unha das provincias).


Cando chamar?


A reserva debe facerse antes das 20 horas do día laborable anterior a aquel no que vaia viaxar.


Así, se o vindeiro mércores 27 de decembro quere coller o autobús para ir ao centro de saúde, deberá chamar antes das 20 horas do martes 26 de decembro.


En cambio, se o martes 26 de decembro quere coller o autobús para ir facer compras, como o luns é festivo deberá chamar antes das 20 horas do venres 22 de decembro.


Que preciso para chamar?


Simplemente deberá ter o número do seu DNI e saber cando quere viaxar e entre que paradas. Nesta páxina ten información dos servizos de transporte, o que tamén poderá consultar nas empresas de transporte (nos enlaces situados á esquerda poderá acceder ás empresas que prestan os servizos en cada unha das provincias).


Ao final da chamada indicaráselle o número de confirmación da súa reserva, que deberá ter onde anotar.


Se ao chamar indica un correo electrónico, enviaráselle ao mesmo a reserva co seu número de confirmación, o que tamén lle facilitará a súa anulación, se fose o caso.


Debo chamar para anular a reserva se finalmente non vou viaxar?


Si, se finalmente non vai viaxar deberá anular a reserva. Se non o fixese, outras persoas poderán quedar sen praza.


Para facer a anulación, tan só deberá volver chamar ao mesmo número de teléfono. Se é posible, deberá indicar o número de confirmación da súa reserva.


Tamén pode facer a anulación enviando o correo electrónico no que se lle confirmou a súa reserva ao enderezo baixodemanda@xunta.gal.

 

Teño que facer algo ao subir ao autobús?


Ao subir ao autobús na súa parada deberá poder indicar ao condutor o nome da persoa que fixo a reserva e o código da reserva que se lle indicou.


Poderei subir ao autobús se non fixen a reserva?


Se ninguén fixo unha reserva para a súa parada o autobús non pasará por ela, polo que non poderá subir. Ademais, outras persoas poderán ter reservado noutras paradas as prazas das que dispoña o autobús, polo que aínda que non estean ocupadas pode que non queden prazas libres para a súa viaxe.


Podo facer as reservas por outros medios?


A partir da posta en funcionamento do novo sistema as reservas deberán facerse a través do teléfono 988 68 78 00, e xa non será posible facelas nos teléfonos das empresas. Estes teléfonos poderá ser consultados para obter información das súas liñas e horarios.


Non obstante, o novo modelo permitirá introducir progresivamente novas funcionalidades, das que se informará segundo se vaian incorporando, tales como ofrecer unha maior información doutros servizos cos que poder enlazar para, por exemplo, ir á capital da provincia, ou mesmo, facer reservas de xeito doado dende o móbil.

Documento/s relacionados
  • HORARIOS APROXIMADOS DE PASO. TRANSPORTE BAIXO DEMANDA Descargar