CMATI

|
|
|
Compartir

Documento básico para información pública

Para dar cumprimento ao establecido na Lei 10/2016, a Dirección Xeral de Mobilidade redactou o Documento Base para Información Pública do Plan de Transporte Público de Galicia.

O documento inclúe un amplo resume dos antecedentes e da situación actual do sector, así como unha programación para a licitación das futuras concesións de servizo público.

A continuación, defínese o obxectivo xeral do Plan de Transporte Público de Galicia, que é acadar un modelo de transporte público por estrada sostible e eficiente, que se adapte mellor ás necesidades da cidadanía de Galicia, e que se desenvolve cuns obxectivos máis específicos e as liñas estratéxicas necesarias para acadalos:

    • Facilitar a mobilidade das persoas en termos de igualdade, seguridade, calidade, eficiencia social e sostibilidade económico-financeira e medioambiental, para o cal se establecen liñas estratéxicas en cada un deses ámbitos.

    • Fomentar e potenciar o uso prioritario do transporte público en calquera dos seus modos (mediante a harmonización entre a oferta e a demanda de transporte, a mellora e racionalización da oferta de transporte, a extensión das liñas de transporte aproveitando a capilaridade da rede de transporte escolar e a modernización do sistema de transporte).

    • Facilitar a intermodalidade do servizo e a súa accesibilidade ás persoas, de xeito que se potencie a súa concepción como unha alternativa sostible fronte ao transporte particular e contribúa á vertebración territorial da Comunidade Autónoma.

Do conxunto de obxectivos do Plan de Transporte Público de Galicia dedúcese unha clara aposta polo fomento do transporte público como parte das políticas sociais da Xunta de Galicia e, en consecuencia, derívanse del unha serie de aspectos que conforman un programa de actuacións sociais incardinadas no propio Plan, e que se desenvolven a través de iniciativas destinadas, entre outros aspectos, ao establecemento de medidas de fomento do transporte público en colectivos sociais concretos (como é o caso da tarxeta Xente Nova ou dos descontos ao transporte de familias numerosas) e a garantir e mellorar as condicións de traballo no sector (a través de mecanismos de obriga de subrogación do persoal e para potenciar a súa formación).

A continuación, o documento expón as liñas estratéxicas do Plan, nos diferentes aspectos que o compoñen, tales como:

    • As clases de transporte público a implantar, cos criterios para definir os horizontes temporais dos contratos a licitar, o establecemento dunha rede xerarquizada de liñas e as propostas de reordenación e mellora das liñas. Todos eses criterios xerais serán aplicados, de forma efectiva, na redacción dos Proxectos de Explotación a través dos que se desenvolva o Plan.

    • Os modelos de xestión de servizos baixo demanda.

    • Os requisitos básicos e normas de calidade da oferta de transporte, con liñas estratéxicas en materia de conectividade territorial, intermodalidade, conexión cos servizos básicos (educativos, sanitarios,...), accesibilidade, seguridade,... así como con criterios para establecer mecanismos eficientes de seguimento do cumprimento dos requisitos esixidos.

    • Os posibles sistemas de tarificación.

    • As directrices para a modernización do sistema de transporte.

    • As condicións básicas de dereitos e obrigacións das persoas usuarias, tendo en conta, en concreto, que nos casos de reserva de prazas para escolares, garantirase a súa atención prioritaria, a súa máxima seguridade, prevendo a existencia da figura do acompañante, e a calidade nas condicións do seu transporte.

    • A previsión do establecemento dun programa de seguimento do cumprimento de todo o previsto no Plan.

Por último, o documento tamén fai unha análise da relación entre o Plan de Transporte Público de Galicia e o Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, que comparte con aquel a finalidade de fomentar e intensificar o uso do transporte público como alternativa sustentable respecto ao vehículo privado, especificamente no entorno das áreas máis urbanas da Comunidade Autónoma.

O Documento Base para Información Pública do Plan de Transporte Público de Galicia sométese a información pública por un prazo de 20 días hábiles, dende o seguinte ao de publicación do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia, a fin de que calquera persoa física ou xurídica poida examinalo e formular as alegacións que estime pertinentes, que deberán ser remitidas á Dirección Xeral de Mobilidade.

Documento/s relacionados
  • Documento base do Plan de transporte público de Galicia Descargar