CMATI

|
|
|
Compartir

Actuacións no transporte ferroviario

Coa culminación dos corredores, Galicia disporá dunha rede de infraestruturas ferroviarias competitivas con calquera outro modo de transporte.

Nesta modalidade de transporte cabe distinguir fundamentalmente dúas liñas de actuación.

  • Por unha banda, na liña ferroviaria convencional, no marco do convenio entre o Ministerio de Fomento, Renfe e a Xunta de Galicia para a modernización da rede ferroviaria interior galega, estanse a realizar importantes melloras na mesma, orientadas basicamente á renovación de vías, establecemento de medidas de seguridade, supresión de pasos a nível...
  • Por outro lado, a construción dunha rede de altas prestacións que permitirá a Galicia contar con conexións intrarrexionais (entre as distintas cidades de Galicia) e interrexionais (fundamentalmente entre Galicia e a Meseta) coas características propias deste tipo de infraestruturas.

Esta rede estará conformada polos seguintes corredores:

  • Eixo Atlántico de Alta Velocidade, que unirá Ferrol con Tui, e a súa correspondente conexión con Portugal. Comprometido polo Ministerio de Fomento, o tramo Vigo- A Coruña, para o ano 2012.
  • Tramos Olmedo-Lubián-Ourense-Santiago, da liña de alta velocidade Madrid-Galicia, que permitirá a conexión de Galicia coa meseta. Estará en servizo no 2012, excepto o tramo Lubián-Ourense, comprometido para o 2015.
  • Eixo Ourense-Lugo, que unirá as dúas capitais pasando por Monforte de Lemos, comprometido para o 2015.
  • Conexión Ourense-Vigo, comprometido para o 2015.
  • Conexión A Coruña-Lugo, sen compromiso de data de entrada en servizo.

As actuacións en marcha supoñerán, así mesmo, un impulso para o transporte de mercancías por ferrocarril xa que:

  • Estase a mellorar a rede convencional pola que discorrerán estes transportes.
  • Téndese a unha especialización de redes, o que mellorará a xestión e a operatividade deste tráfico que non quedará condicionado ás circulacións dos trens de viaxeiros.
  • Estanse a establecer as bases para o transporte combinado con vistas a potenciar o tráfico ferroviario de mercadorías con actuacións como o Porto seco de Monforte, en fase de execución, que potenciará a captación de tráficos para o ferrocarril a través da súa función de centro de consolidación de cargas, desde e cara aos portos galegos.

 

Ligazon/s relacionadas