CMATI

|
|
|
Compartir

Obxectivos

Obxectivos e beneficios

O obxectivo fundamental do plan é o fomento do uso dos modos de transporte non motorizados, incrementando a súa importancia na repartición modal con relación á dos modos motorizados privados, tanto no ámbito metropolitano coma no rural. Para iso, haberá que propiciar a coordinación das actuacións das diferentes Administracións Públicas tendentes ao fomento desta mobilidade alternativa, impulsar a intermodalidade dos modos non motorizados cos modos de transporte público colectivo, e dotar a Galicia dunha rede básica de vías ciclistas, nas que se poida circular a pé ou en bicicleta de xeito cómoda e segura.

Entre os distintos modos de transporte non motorizados o plan céntrase moi especialmente sobre a bicicleta. Pero tamén se conta cos peóns. Non hai que considerar as vías ciclistas como camiños para ser transitados en exclusiva en bicicleta: a experiencia noutras comunidades autónomas máis avanzadas neste terreo di que os usuarios maioritarios das vías ciclistas son peóns e deportistas a pé practicando atletismo, e que hai que considerar o peón como un aliado da bicicleta na loita contra a mobilidade indiscriminada en coche; hai que promover a convivencia da bicicleta co peón.

Outros obxectivos do plan son os que seguen:

  • Favorecer os hábitos saudables de camiñar e andar en bicicleta, en condicións de seguridade. A seguridade debe estar garantida para todos os usuarios da infraestrutura, tanto os motorizados coma os non motorizados.
  • Propiciar a coordinación entre as Administracións Públicas para o fomento do uso dos modos non motorizados, especialmente no que atinxe ás redes de vías ciclistas.
  • Dotar a Galicia de infraestruturas cómodas e seguras para andar en bicicleta e camiñar.
  • Crear unha rede básica galega de vías ciclistas, de carácter interurbano e metropolitano.
  • Coordinar as redes de vías ciclistas de Galicia coas redes exteriores.
  • Coordinar as redes de vías ciclistas de Galicia coas redes de servizos de transporte público colectivo, de modo que favorecendo a intermodalidade con estes modos se fomente tamén o seu uso.
  • Establecer criterios técnicos para o deseño de vías ciclistas polas Administracións Públicas galegas, coas premisas básicas de calidade e seguridade para os usuarios, criterios coordinados ou coherentes coas normas de deseño existentes fóra de Galicia.
  • Implicar ós axentes sociais no fomento da mobilidade alternativa.
  • Beneficiarse da experiencia noutros países e comunidades, as "boas prácticas" na materia da mobilidade non motorizada xeralmente recoñecidas.

Os beneficios que se pretenden obter son múltiples e abranguen diferentes aspectos:

  • Mobilidade: Aumento do uso dos modos non motorizados en detrimento do uso do automóbil para traxectos de ata 12 quilómetros. Isto debería traer consigo unha menor conxestión en tramos actualmente saturados. Ademais incluiranse determinadas medidas que contribúan a incrementar, ao mesmo tempo, o uso do transporte público colectivo, xa que os modos non motorizados non soamente son unha alternativa ao coche para desprazamentos curtos, senón que tambien son modos de acceso ao transporte público.
  • Medioambiente: Menores emisións á atmosfera de gases de efecto invernadoiro e de contaminantes e menor contaminación acústica.
  • Saúde: Mellora da saúde dos usuarios dos modos non motorizados polo exercicio físico, e tamén dos que se benefician da menor contaminación ambiental e acústica, é dicir, a saúde de todos.
  • Igualdade e benestar: Os modos non motorizados son os máis democráticos e igualitarios. Ademais son, por definición, susceptibles de ser usados polas persoas con mobilidade reducida. Favorecen a inclusión e a cohesión social, e propician a recuperación de espazos públicos.
  • Economía: Os usuarios aforran en enerxía. A colectividade aforra nos custos externos do transporte (accidentes, conxestión, contaminación...).
  • Patrimonio: O fomento das vías peonís e ciclistas permite a recuperación respectuosa de camiños históricos ou patrimoniais.
  • Urbanismo: O fomento das vías peonís e ciclistas é fundamental no novo urbanismo baseado na proximidade, mestura de usos e sostibilidade ambiental.