CMATI

|
|
|
Compartir

Preguntas máis frecuentes

Que é a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia?

É un órgano colexiado que dirime as controversias derivadas de incumprimentos ou incidencias xurdidas en relación con contratos de transporte, sexan entre persoas usuarias e empresas ou entre profesionais.

Onde está regulada?

A estrutura e funcionamento da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia está regulada polas seguintes normas:

Normativa estatal:

- Artigos 37 e 38 da Lei 16/87, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres (BOE do 31 de xullo de 1987). Hai que ter en conta que estes artigos foron modificados pola Lei 13/96, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e da orde social (BOE do 31 de decembro de 1996), pola Lei 29/2003, do 8 de outubro, sobre mellora das condicións de competencia e seguridade no mercado de transporte por estrada (BOE do 9 de outubro de 2003), e pola Lei 9/2013, do 4 de xullo, pola que se modifica a Lei 16/1987, do 30 de xullo, de ordenación dos transportes terrestres e a Lei 21/2003, do 7 de xullo, de seguridade aérea (BOE do 5 de xullo de 2013).

- Artigos 6 a 12 do Real Decreto 1211/90, do 28 de setembro, que aproba o Regulamento da Lei 16/87 (BOE do 8 de outubro de 1990). Debe terse en conta que estes artigos foron modificados polo Real Decreto 1225/2006, de 27 octubre (BOE do 15 de novembro de 2006).

- Subsidiariamente aplícase Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe (BOE do 26 de decembro do 2003).

Normativa autonómica:

- Orde do 9 de outubro de 1991, pola que se regulan as Xuntas Arbitrais de Transporte de Galicia (DOG do 23 de outubro do 1991, e corrección de erros no DOG do 29 de novembro do 1991).

Quen pode acudir á Xunta Arbitral de Transportes?

Todos aqueles particulares ou empresas que contratasen un servizo de transporte, ben para efectuar un desprazamento, ben para remitir unha mercadoría, producíndose incidencias na prestación do transporte que supoñan un quebranto económico para algunha das partes.

Así mesmo, tamén as empresas de transporte poden acudir á Xunta Arbitral cando outra empresa coa que subscribiu un contrato de transporte non cumpra coas obrigas que derivan deste, sendo o exemplo máis típico o impagamento do prezo do transporte unha vez realizado o servizo.

Sobre que tipo de controversias coñece a Xunta Arbitral?

Unicamente sobre controversias de carácter mercantil relacionadas con contratos de transporte, xa sexa de mercadorías ou de viaxeiros/as. Así pois, non ten competencias noutro tipo de conflitos, como laborais ou penais.

Sempre hai que reclamar unha contía económica?

Si. A Xunta Arbitral coñece unicamente de reclamacións de contido económico, polo que non ten competencia para impoñer sancións.

Existe algún límite na cantidade que podo reclamar ante a Xunta Arbitral?

Si: a Xunta Arbitral só pode coñecer do asunto se a cantidade que se reclama non excede de 15.000 euros, en caso de servizos posteriores ao 25/07/2013, ou de 6.000, en caso de servizos anteriores. Para cantidades superiores, é necesario que as partes estean de acordo en someterse a ese órgano.

En todo caso, as partes poden excluír calquera asunto do coñecemento da Xunta Arbitral, pero para iso é preciso que manifestasen a súa vontade en tal sentido antes de iniciarse o transporte.

En que tipo de transportes pode intervir a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia?

Pode coñecer só de controversias relacionadas con servizos de transporte que teñan a súa orixe ou o seu destino dentro de Galicia, ou ben nos que o contrato se celebrase nesta comunidade.

Se o contrato se celebrou entre ausentes (fax, teléfono, internet...) a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia sería competente nos seguintes casos:

- Reclamacións entre persoas usuarias e empresas: se a persoa usuaria ten o seu domicilio en Galicia.

- Reclamacións entre empresas: se a empresa que presta o servizo (é dicir, a empresa de transporte) ten o seu domicilio en Galicia.

Se o servizo non se encontra en ningún dos supostos anteriores, a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia só sería competente se as partes pactaron expresamente o sometemento a ela.

Por que me beneficia acudir á Xunta Arbitral de Transportes no canto de aos tribunais ordinarios?

Porque o procedemento que se segue é moito máis áxil que o xudicial ordinario e ten dúas características esenciais:

- Non ten custas. O procedemento é gratuíto.

- O laudo arbitral é un título executivo, é dicir, ten un valor equivalente ao dunha sentenza.

Preciso avogado e/ou procurador para acudir á Xunta Arbitral?

Non, non é preciso contar con asistencia letrada nin con procurador.

Onde se celebra a vista oral?

Sempre en Santiago de Compostela.

É obrigatorio asistir á vista oral?

A parte reclamante sempre ten que asistir á vista oral, por si ou mediante representante. De non facelo, ténselle por desistida é a reclamación arquívase.

Pola contra, aínda que a parte reclamada non compareza, a vista celébrase igualmente e ditarase o correspondente laudo, que é obrigatorio para as dúas partes.

Quen compón a Xunta Arbitral de Transportes de Galicia?

As Xuntas Arbitrais deberán estar compostas por un Presidente (que será licenciado en Dereito), un Secretario e un número determinado de vogalías. Actualmente na Xunta Arbitral de Transportes de Galicia hai dúas vogalías ocupadas por membros da Administración, dúas ocupadas por representantes do sector do transportes de mercadorías (un en representación dos transportistas e outro dos cargadores), unha ocupada polo sector do transporte de viaxeiros e unha ocupada por representantes das persoas consumidoras e usuarias.

Porén, para que a Xunta Arbitral estea correctamente constituída e o laudo sexa válido basta coa asistencia do Presidente.

A composición actual da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia pode descargarse aquí.

Como é o procedemento ante a Xunta Arbitral?

Sucintamente, o procedemento é o seguinte:

1. Presentación da reclamación por escrito.

2. Notificación da reclamación á outra parte e citación de ambas as dúas para vista oral perante a Xunta Arbitral.

3. Celebración da vista oral.

4. Ditado do laudo e notificación a ambas as dúas partes, ben no mesmo día ben uns días despois.

É obrigatorio o cumprimento do laudo?

Si, o laudo é vinculante para as dúas partes.

E se non estou de acordo co laudo, que recursos caben contra el?

- Acción de anulación ante a Sala do Civil e do Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se pode presentar no prazo de dous meses desde a súa notificación. Esta acción haberá de fundamentarse nalgún dos motivos taxados que para o efecto establece a Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.

- Demanda de revisión, nos supostos previstos nos artigos 509 e seguintes da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil.

E se a outra parte non cumpre o laudo?

Unha vez que se lle notifica o laudo, a outra parte ten vinte días para cumprir con el de maneira voluntaria. Se non o fai, a outra parte pode pedir que o Xulgado de Primeira Instancia de Santiago de Compostela o execute de maneira forzosa, de conformidade cos artigos 44 e seguintes da Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.

Para iso, deberá en primeiro lugar solicitarlle á secretaría da Xunta Arbitral unha copia autorizada ou compulsada do laudo arbitral e dos documentos acreditativos das notificacións efectuadas ás partes no expediente.

En caso de ter que acudir á execución forzosa, a parte reclamante poderá solicitar, ademais das cantidades recoñecidas no laudo, o aboamento das custas de execución e o xuro legal do diñeiro incrementado en dous puntos da cantidade principal (artigos 583 e 576 da Lei de axuizamento civil).

Ten outras funcións a Xunta Arbitral de transportes?

Ademais coñecer das reclamacións indicadas e de emitir informes en xeral sobre a normativa que atinxe ós contratos de transporte, a Xunta Arbitral ostenta funcións de depósito de mercadorías, consonte o disposto na Orde FOM3386/2010, do 20 de decembro, pola que se establecen normas para a realización polas Xuntas Arbitrais do Transporte de funcións de depósito e alleamento de mercadorías (BOE do 31 de decembro de 2010).

De acordo co que establece a dita normativa, as empresas de transporte poden solicitar ante a Xunta Arbitral o depósito dunha mercadoría, empregando para o efecto o formulario que aparece ao pé desta páxina.

 

Documento/s relacionados
  • Modelo de reclamación ante a Xunta Arbitral de Transportes Descargar
  • Membros da Xunta Arbitral de Transportes Descargar
  • Modelo de solicitude de depósito Descargar