CMATI

|
|
|
Compartir

Preguntas frecuentes

Cal é o peso máximo que pode ter un vehículo dedicado ao transporte público ou privado complementario para que non sexa obrigatoria a obtención de autorización administrativa?

Os vehículos de menos de 2 Tn. de m.m.a., como é o caso de moitos furgóns, están exentos de autorización administrativa. No caso do transporte privado complementario non será necesario obter autorización administrativa para aqueles vehículos de ata 3,5 tn de MMA.

A que se refire o termo "transporte privado complementario"?

Segundo o art. 102 da lei 16/87 de 30 de xullo de ordenación dos transportes terrestres (BOE de 31 de xullo de 1987): " Son transportes privados complementarios os que se leven a cabo no marco da súa actuación xeral por empresas ou establecementos con finalidades principais que non son de transporte, como complemento necesario adecuado para o correcto desenvolvemento das actividades principais que ditas empresas ou establecementos realizan".

Que clase de vehículo pode obter a autorización de transporte privado complementario?

No transporte de mercancías, o vehículo non pode exceder de 5 meses de antigüidade cando se presenta a solicitude de autorización, e o seu tamaño debe xustificarse de acordo co volume de facturación da empresa.No transporte de viaxeiros en vehículos de máis de 9 prazas incluído o condutor, o vehículo non ten límite de antigüidade, e no caso de que o vehículo sexa de menos de 9 prazas, o vehículo está exento da obrigatoriedade da tarxeta de transporte.

Cando se pode transmitir unha tarxeta de transporte privado complementario?
Cando se transmita a integridade da empresa, tanto da actividade principal como a actividade de transporte

Que características deben ter as empresas novas que se queiran dedicar ao transporte público de mercancías?

As empresas que se incorporen ao transporte público de mercadorías deberán cumprir requisitos de índole xeral recollidos nos artigos 10 e seguintes da Orde FOM/734/2007, do 20 de marzo (BOE do 28 de marzo), modificada pola Orde FOM/2185/2008 (BOE do 25 de xullo).
Ademais se o que queren é obter autorizacións de transporte público en vehículos pesados de ámbito nacional, deberán aportar unha frota mínima de 3 vehículos de menos de 5 meses e unha capacidade de carga útil de polo menos 60 tn.
Se os vehículos son lixeiros (menos de 3,5 tn de carga útil ou menos de 6 tn de masa máxima autorizada, non é necesaria frota mínima, aínda que os vehículos deben ter menos de 5 meses de antigüidade.
Non será necesaria a frota mínima se o novo transportista accede ao mercado como consecuencia da transmisión da totalidade das tarxetas de transporte doutro transportista. A dita transmisión está condicionada ao cumplimento dos requisitos establecidos nas ordes citadas.

Se o solicitante xa posúe autorizacións de transporte público, tamén é necesaria a frota mínima?

Non, neste caso se o empresario xa posúe algunha autorización de transporte público pesado non é necesaria a frota mínima aínda que no caso de aumento de flota deberán terse en conta os requisitos de antigüidade dos vehículos do artigo 20 da Orden FOM/734/2007

Para que autorizacións debe xustificarse a capacidade económica?, ¿cal é?, ¿como se xustifica?

As empresas con autorizacións de transporte público de mercadorías (MDL e MDP) e de transporte público de viaxeiros en vehículo autobús (VD) deberán xustificar a capacidade económica, é dicir, deberán dispor dun capital social e reseras de 9.000 Euro polo primeiro vehículo e 5.000 Euro por cada vehículo adicional. Por exemplo, a capacidade económica dunha empresa con tres vehículos é de 19.000 Euro: 9.000 Euro polo primeiro vehículo+5.000 Euro polo segundo+5.000 Euro polo terceiro.
Esa capacidade económica xustifícase do seguinte xeito:

  • No caso de persoas físicas con: declaración responsable acompañada de documento fiscal, contable, etc, que o poida acreditar ou ben cunha certificación bancaria (NUNCA AVAL)
  • No caso de persoas xurídicas: co último balance presentado no rexistro mercantil ou último imposto de sociedades

As empresas que soliciten autorización de operador de transportes, da serie OT (axencia, transitario ou almacenista distribuidor) deberán ter unha capacidade económica de 60.000 Euro. As empresas que só realicen transporte privado complementario non deberán xustificar capacidade económica, debendo só xustificar a necesidade e o volumen do transporte.

No suposto de transporte público de mercadorías, ¿sempre é necesario o requisito de capacitación profesional?

Sempre, agás que se solicite unha autorización da serie MDL Local. Neste suposto non se esixe a dita capacitación pero encóntrase limitada a vehículos de ata 3.500 de masa máxima autorizada e a autorización terá un radio de acción de 100 quilómetros contados en liña recta dende o seu domicilio e sen que en ningún caso se poida saír do territorio da nosa comunidade autónoma.
Para os demais requisitos (antigüidade dos vehículos, transmisión, capacidade económica...) estarase ao disposto pola normativa do Estado para as autorizacións da serie MDL.

Como se pode obter a capacitación profesional como transportista?

  • Recoñecemento de oficio:
    O recoñecemento da capacitación profesional para o transporte vén recolleito fundamentalmente pola disposición transitoria primeira da Lei 16/87 de 30 de xullo, e disposición transitoria sexta da Ou.M. de 28-05-99 que establece o dato fundamental para tal recoñecemento, da necesidade de acreditación do exercicio legal da actividade de transportista a nome propio ou pola empresa na que exerce funcións de dirección efectiva na data de entrada en vigor da Lei 16/87, concretamente o 1 de agosto de 1987.
    Cabe tamén o recoñecemento de oficio da capacitación profesional para aqueles transportistas de vehículos lixeiros anteriores ao 1 de xaneiro de 1998, e de acordo coas condicións establecidas na Orde Ministerial de 24 de agosto de 1999 (BOE de 7 de setembro) e Orde Ministerial de 28 de febreiro de 2000 (BOE de 9 de marzo).
  • Recoñecemento obtido por exame ou probas de capacitación:
    De acordo coas probas que cada ano convoca a Dirección Xeral de Mobilidade ao amparo do disposto na Orde Ministerial de 28 de maio de 1999 (BOE de 11 de xuño de 1999)

Quen pode aportar o título de capacitación profesional?

Para considerar cumprido o requisito de capacitación profesional para o exercicio da actividade de transporte de mercadorías, será necesario que se de, polo menos, unha das dúas seguintes condicións:

  • Que, tratándose dunha empresa individual, a persoa física titular da autorización teña recoñecida a dita capacitación.
  • Que, tratándose dunha sociedade ou cooperativa de traballo asociado, ou dunha empresa individual que non cumpra o requisito a través do seu titular, polo menos unha das persoas que dirixa efectivamente a empresa teña recoñecida a dita capacitación.

Unicamente se entenderá que unha persoa asume a dirección efectiva da empresa cando cumpra conxuntamente os tres seguintes requisitos:

  • Ter conferidos poderes xerais para representar á empresa nas operacións propias do seu tráfico ordinario, xa sexa con carácter exclusivo ou solidaria ou mancomunadamente con outros, existindo constancia do dito apoderamento en rexistro ou documento público.
  • Ter conferido poder de disposición de fondos sobre as principais contas bancarias da empresa para as operacións propias do seu tráfico ordinario, xa sexa con carácter exclusivo ou solidaria ou mancomunadamente con outros.
  • Figurar no plantel de traballadores da empresa, estando dada de alta no réxime que corresponda da Seguridade Social como persoal directivo, ou ser propietaria de, polo menos, un 15 por 100 do capital da empresa.

Cando unha mesma persoa capacite a distintas empresas cuxo capital pertenza en máis dun 50 por 100 a un mesmo titular, bastará con que cumpra o requisito previsto nunha de tales empresas.
Unha mesma persoa non poderá capacitar profesionalmente ao mesmo tempo a máis dunha empresa, salvo no suposto de empresas cuxo capital pertenza en máis dun 50 por 100 a un mesmo titular.

Cantas prazas de viaxeiros pode ter un vehículo taxi?

Tendo en conta o disposto no vixente artigo 43 da Orde Ministerial do 4 de febreiro de 1993 (BOE do 16 de febreiro) que regula as autorizacións de transporte de viaxeiros por estrada, o número de prazas, como regra xeral, non pode exceder de 5, incluído o condutor, aínda que é posible un maior número de prazas cando se xustifique a necesidade de tal capacidade.