CMATI

|
|
|
Compartir

Plans de actuacións

Os obxectivos previstos pola Axencia Galega de Infraestruturas para o exercicio das súas funcións recóllense nos distintos elementos de planificación que permiten acometer as actuacións previstas optimizando recursos, necesidades e demandas socioeconómicas.

Os dous primeiros plans están dirixidos a completar e mellorar os eixes que relacionen adecuadamente o espazo galego na súa contorna e o vertebren no seu interior, potenciando o reequilibrio territorial; os dous últimos son máis específicos, orientados a elaborar estudos que servirán de base para o planeamento, execución e explotación da rede viaria de titularidade autonómica.

Plan MOVE

O Plan MOVE non é un plan de infraestruturas. É un plan de mobilidade que establece as orientacións estratéxicas en materia de infraestruturas de transporte coa finalidade de facilitar a mobilidade das persoas e o acceso aos mercados, contribuíndo deste xeito á mellora da competitividade da economía e ao benestar dos cidadáns.

Plan de Aforos

O Plan de Aforos, materializado mediante memorias anuais de tráfico, permite definir unha serie de parámetros que se utilizarán como base para regulacións de tráfico e o planeamento e explotación da rede viaria de titularidade autonómica.

Plan de Seguridade Viaria de Galicia

O Plan de Seguridade Viaria de Galicia é un proxecto moi ambicioso que está levando a cabo a Xunta de Galicia e que pretende involucrar a todos os axentes que teñen algún tipo de relación coa seguridade viaria. O obxectivo deste plan é a diminución do elevado número de sinistros de tráfico e as súas consecuencias.
 

Estratexia en materia de mobilidade alternativa de Galicia

Trátase dunha iniciativa que aliña os obxectivos establecidos pola Unión Europea para un desenvolvemento sustentable no ámbito da mobilidade, que persegue o desenvolvemento duns sistemas de transporte que reduzan ao mínimo as repercusións sobre o medio ambiente e os seus impactos sociais e económicos. O fomento dos modos non motorizados alternativos ao coche constitúe a liña prioritaria de traballo para o logro da devandita meta, sendo o peón e a bicicleta os actores fundamentais, tanto no ámbito urbano, como no interurbano.