CMATI

|
|
|
Compartir

Conservación de estradas

Unha das funcións máis relevantes na xestión de redes, e como parte final de todo o proceso de xénese das infraestruturas (estudo, planificación e construción), é a preservación do patrimonio viario e o mantemento do servizo, que se aglutina na denominada Conservación e Explotación das Estradas (COEX).

Esta conservación e explotación pódese desglosar nas seguintes actividades:

  • Actividades de vialidade: permitir a circulación en condicións adecuadas de seguridade e fluidez; como pode ser a retirada de obstáculos, sinalizar situacións ocasionais de perigo, facilitarlles información aos usuarios etc.
  • Actividades de conservación ordinaria: atrasar o proceso de degradación das características funcionais ou estruturais dos elementos da estrada.
  • Actividades de conservación extraordinaria: poñer en situación inicial as características dos elementos da estrada ou mellorar o estándar inicial.
  • Actividades de mellora da seguridade.
  • Actividades de uso e defensa.

Actualmente, esta xestión abórdaa a consellería con medios propios e dispón, ademais, dos contratos de conservación ordinaria e de rehabilitación de firmes adxudicados en cada unha das provincias da Comunidade de Galicia.

O custo anual por quilómetro dunha estrada da rede secundaria é, por termo medio, de 6.000 €/km; unha estrada da rede primaria require un investimento anual de 9.000 €/km/ano e, finalmente, unha vía de alta capacidade (autoestrada, autovía, corredor ou vía galega) precisa 18.000 €/km ao ano.

En canto ás incidencias que ocorran na vía, o usuario das estradas galegas pode comunicar calquera urxencia ao 112, servizo de atención de chamadas, onde se avalían e tratan, e se contacta cos servizos xestores procedentes (urxencias médicas, Garda Civil de Tráfico, bombeiros ou os servizos de conservación e explotación competentes nesa vía).

Actuacións estratéxicas en conservación de estradas

Entre as múltiples actuacións en materia de conservación, ou moi relacionadas con ela, pódense destacar as seguintes:

  • Licitación dos contratos de conservación ordinaria e rehabilitación de firmes por provincia para os efectos dunha xestión máis eficiente e desconcentrada.
  • Estudo do acondicionamento e mellora da rede de baixa IMD, que consiste na caracterización do estado actual da rede que permita a planificación das actuacións que se van realizar, cun horizonte de 10 anos.