CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

Estamos a construír unha Galicia máis moderna, cohesionada e sostible, onde se protexan as cores azul e verde, -o mar e a terra-, sinais de identidade que nos caracterizan.

Como conselleira de Infraestruturas e Vivenda quero darlles a benvida a este espazo web do portal corporativo da Xunta de Galicia, que pretende ser unha fiestra aberta e útil a todos os cidadáns.

Un espazo no que as galegas e os galegos poden achegarse ao traballo que cada día realizamos os traballadores, técnicos e responsables deste departamento da Xunta, e acceder a toda aquela información que lle poida resultar de interese no ámbito das nosas competencias.

O equipo que conformamos a Consellería de Infraestruturas e Vivenda témonos fixado unha meta ambiciosa: mellorar a calidade de vida das galegas e dos galegos.

Apostamos, para iso, por impulsar a competitividade territorial e por favorecer a actividade económica en Galicia, facilitando a implantación de empresas a través da política de solo industrial que estamos a desenvolver: para que os emprendedores se animen a poñer en marcha novos proxectos empresariais na nosa terra e crear emprego e riqueza no país.

Tamén apostamos por completar os eixes de vertebración do territorio, coa construción de estradas de novo trazado, e garantindo a conservación e a seguridade naquelas vías autonómicas xa existentes.

Traballamos para mellorar a conectividade ao longo e ancho da xeografía galega; por promover a intermodalidade no transporte de viaxeiros; por ofrecer máis e mellores servizos; e por avanzar cara a unha mobilidade cada vez máis sustentable e respectuosa co contorno.

E, por suposto, redobramos os esforzos alí onde o cremos máis imprescindible: no eido da vivenda, poñendo o noso empeño en procurar solucións aos problemas das persoas que máis o precisan e en garantir que ningún galego se vexa privado dun fogar por motivos económicos.

Política para as persoas e política para o desenvolvemento económico. Este é o camiño que está a guiar a acción da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Confío en que os cidadáns poidan atopar nesta web un instrumento útil para coñecer, dun xeito máis accesible e transparente, o labor desta Consellería e tamén unha canle eficaz para poder trasladarnos as súas achegas e consideracións.

Neste convencemento, doulles a miña máis cordial benvida.

 

Ethel Mª Vázquez Mourelle

Conselleira de Infraestruturas e Vivenda.