CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta publica no DOG a autorización da transferencia ao concello de Begonte da estrada provincial LU-P-0803, de Alto de Gaibor á feira de Barrazoso

O Concello solicitou á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade desta estrada, que dá continuidade á vía municipal que provén da localidade de Illán de Arriba

A entrega desta vía provincial formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega no prazo dos dous meses seguintes á publicación de hoxe no DOG

Coa transferencia, o Concello será o responsable da conservación do tramo e poderá actuar de modo acorde coas súas características
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación da transferencia ao Concello de Begonte, na provincia de Lugo, da estrada provincial LU-P-0803, de Alto de Gaibor á feira de Barrazoso.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información deste anuncio: htpps://goo.gl/STtfuW O Concello de Begonte solicitou á Deputación Provincial de Lugo o cambio de titularidade desta estrada, que une a localidade de Gaibor coa estrada autonómica LU-541, por tratarse dun treito de estrada illado da rede provincial, que dá continuidade á vía municipal que provén da localidade de Illán de Arriba.


O organismo provincial de Lugo informou favorablemente e acordou en sesión plenaria o cambio de titularidade do tramo solicitado, mellorando previamente o firme e sinalización no mesmo. E, posteriormente o pleno municipal de Begonte acordou aceptar a cesión da titularidade desta estrada.


O cambio de titularidade deste estrada provincial a prol do Concello de Begonte cumpre co obxectivo de racionalizar a estrutura viaria municipal e permite unificar a titularidade da estrada no concello, conseguindo así unha mellor xestión dos recursos públicos.
A transferencia desta estrada provincial ao Concello de Begonte tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e logo do acordo entre as administracións implicadas.


Co cambio de titularidade, o Concello de Begonte terá a competencia para actuar en ambas vías e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
A entrega desta vía provincial ao concello lucense, formalizarase mediante a sinatura da acta de entrega, no prazo dos dous meses seguintes á publicación de hoxe no Diario Oficial de Galicia.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es