CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta dispón de preto de 200 vivendas de promoción pública en Ribadeo que rexistran un nivel pleno de ocupación

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, fixo hoxe entrega do único piso que estaba vacante, situado na rúa Antonio Otero
 

  • O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na entrega

Ribadeo (Lugo), 8 de agosto de 2018.- A Xunta de Galicia dispón en Ribadeo dun parque de 191 vivendas de promoción pública, e a data de hoxe rexistran un nivel pleno de ocupación.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, amosou hoxe a súa satisfacción por este dato, dado que “o interese do Goberno galego é poñer esas vivendas a disposición das persoas interesadas, e por iso desenvolve os procedementos de adxudicación da forma máis dilixente posible”.

Balseiro fixo hoxe entrega das chaves do único piso que estaba vacante, unha vivenda de 47 metros cadrados situada na rúa Antonio Otero, preto do porto, que se adxudica en réxime de alugueiro.

O Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), que depende da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, oferta en Ribadeo pisos en inmobles localizados nas rúas Rafael Fernández Cardoso, San Francisco, Clemente Martínez, rúa da Cárcel e a xa mencionada Antonio Otero.

O delegado explicou que o IGVS tramita con axilidade as adxudicacións, de forma que “tan pronto unha vivenda queda baleira é revisada, realízanse as reformas necesarias, de ser o caso, e volve ao mercado para ser ofertada seguindo o listado de adxudicatarios de cada concello”.

Neste sentido, instou ás persoas interesadas en optar a algunha destas promocións a inscribirse no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma, accesible tanto a través da sede electrónica como nas oficinas do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es