CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza o inicio do traballo de campo con xuntanzas concello a concello para conseguir un transporte público sustentable e eficiente adaptado ás demandas da cidadanía

Vázquez Mourelle participou hoxe na Coruña no encontro cos representantes municipais da provincia da Coruña para informar sobre o proceso de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia e solicitar a súa implicación como administracións máis próximas aos cidadáns

Salienta que na provincia da Coruña, a 1ª fase do Plan de Transporte Público de Galicia supuxo multiplicar por 4 o número de paradas e poñer en marcha novas modalidades, 41 liñas de transporte baixo demanda e 46 liñas de autobús compartido que utilizaron preto de 1.600 usuarios non escolares cada mes

Destaca que na 2ª fase do Plan incluirase a totalidade dos municipios e das liñas de transporte da provincia, 441 liñas interurbanas que prestan servizo nos 93 municipios
 

  • A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez
  • A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez

A Coruña, 12 de xuño de 2018.- A conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou hoxe na Coruña o inicio do traballo de campo con xuntanzas concello a concello para conseguir un transporte público sostible e eficiente adaptado ás demandas da cidadanía.

Vázquez Mourelle participou hoxe na Coruña no encontro cos representantes municipais da provincia da Coruña para informar sobre o proceso de elaboración do Plan de Transporte Público de Galicia e solicitar a súa implicación como administracións máis próximas aos cidadáns. A conselleira, que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, manifestou o interese por coñecer as súas prioridades e propostas, e tratar de xeito conxunto as melloras do transporte público na provincia de cara ao ano 2019, data de caducidade das actuais concesións.

A titular de Infraestruturas interveu hoxe no primeiro dos encontros que se van a celebrar nas distintas cidades ao longo desta semana, para abordar o Plan de Transporte Público de Galicia e propiciar que os seus servizos se adapten ao máximo ás necesidades reais dos veciños. O obxectivo, engadiu, é obter a máxima implicación e colaboración das Administracións locais e provincial para renovar e modernizar as liñas de transporte por estrada de toda Galicia.

En referencia ao traballo que está a realizar o seu departamento neste ámbito, lembrou o camiño iniciado en agosto de 2017 coa posta en marcha da primeira fase do Plan de transporte público, que na provincia de A Coruña abrangueu 75 liñas e 41 concellos, e que permitiu acadar o obxectivo prioritario de que os veciños non estivesen un só día sen transporte. Tamén posibilitou ampliar e mellorar os servizos aos cidadáns, ofrecendo unha mellor cobertura territorial e con tarifas máis económicas.

Neste senso, Ethel Vázquez salientou que na provincia da Coruña, a 1ª fase do Plan de transporte supuxo case que multiplicar por 4 o número de paradas, pasando de 400 a preto de 1.600. E engadiu que permitiu poñer en marcha novas modalidades, como as 41 liñas de transporte baixo demanda e 46 liñas de autobús compartido, que están sendo utilizadas por preto de 1.600 usuarios non escolares cada mes, e que teñen suposto grandes beneficios para os veciños do rural.

Destacou que agora na 2ª fase do Plan incluiranse a totalidade dos municipios e das liñas de transporte da provincia, 441 liñas de interurbanas que prestan servizo nos 93 municipios, e expresou a súa a confianza de que estes encontros, que se inician na Coruña, sexan útiles e frutíferos de cara a potenciar a rede de transporte público, ofrecer máis e mellores servizos e facilitar a mobilidade da xente.

A conselleira referiuse aos pasos que está a dar o Goberno galego, desde que no mes de maio someteu a información pública o documento base do Plan de Transporte Público de Galicia.

Dixo que agora a Xunta continua o proceso de consultas e o traballo de campo, a través destas reunións conxuntas con concellos e deputacións, coas que posteriormente se celebrarán reunións individuais con cada un dos 313 concellos de Galicia. E tamén tense previsto a realización de enquisas en centros sanitarios, educativos, administrativos e parques empresariais, ademais de estacións e paradas de buses, para coñecer as demandas existentes.

Polo tanto, concluí Ethel Vázquez, nos vindeiros meses se seguirá co proceso de escoita activa e participación continuada, para mellorar os servizos e para que Galicia teña en 2019 un transporte público que responda con eficacia ás demandas da Galicia do Século XXI.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es