CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez ofrece a máxima colaboración da Xunta a Culleredo e Arteixo para facilitar que o transporte urbano da Coruña chegue ata as urbanizacións da Zapateira

Vázquez Mourelle salienta que a firma dun convenio entre estes municipios, o da Coruña e a Xunta é a fórmula máis sinxela e eficiente desde o punto de vista económico e ambiental, e se aplica con éxito desde 2015 en Meicende

Sinala que o lóxico é permitir que o bus urbano da Coruña saia do seu termo municipal, estendendo a Liña 24 ata as urbanizacións de Montegolf e Vallesur e Os Olivos

Destaca que ningunha empresa presta hoxe esta servizo, o que fai máis sinxela a súa posible implantación

Explica que a proposta do Goberno galego ten que ser acordada polos concellos de Arteixo e Culleredo co da Coruña, como responsable do servizo de transporte urbano, e coa propia empresa concesionaria do bus urbano

Arteixo e Culleredo comprométense a asumir os custos económicos da extensión do servizo de bus urbano ata os seus termos municipais, debendo compensar economicamente á empresa concesionaria de autobuses do Concello da Coruña polo incremento de quilómetros que suporá a prestación deste servizo aos seus veciños
 

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, garantiu hoxe a máxima colaboración da Xunta para resolver as demandas de mobilidade dos concellos de Arteixo e Culleredo

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, garantiu hoxe a máxima colaboración da Xunta para resolver as demandas de mobilidade dos concellos de Arteixo e Culleredo e propúxolles aos alcaldes destes municipios un convenio de colaboración que inclúe ao Concello de A Coruña, para prolongar o servizo de transporte urbano ata as urbanizacións da Zapateira.

O borrador de convenio para a coordinación dos servizos de transporte urbano cara as urbanizacións de Montegolf, Vallesur e Os Olivos foi analizado na reunión que hoxe mantiveron a conselleira, o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, cos alcaldes de Arteixo, Carlos Calvelo, e de Culleredo, José Ramón Rioboo.

Vázquez Mourelle detallou a proposta da Xunta para abordar a posibilidade e a mellor maneira para que os veciños das urbanizacións da Zapateira poidan dispoñer de servizo de transporte público que facilite os seus desprazamentos diarios.

Sinalou que a fórmula máis sinxela, e tamén máis eficiente, desde o punto de vista económico e ambiental, pasa por estender os actuais servizos do bus urbano da Coruña á Zapateira. Unha posibilidade, engadiu, que a Xunta permite grazas á Lei 14/2013, para dar solución a situacións como esta e que xa se ven aplicando con éxito desde o ano 2015 en Meicende.

A titular do departamento de Infraestruturas da Xunta lembrou que a actual liña 24 de bus urbano da Coruña, que pasa polo Campus da Zapateira e vai ata as urbanizacións do propio termo municipal coruñés, apenas distan 3 quilómetros das novas urbanizacións ás que se quere dar servizo de transporte público. Deste xeito, sinalou, o máis lóxico, razoable e eficiente é permitir que o bus urbano da Coruña saia un pouco do seu termo municipal, prolongando a Liña 24 actual ata estas urbanizacións destes concellos limítrofes.

Ethel Vázquez subliñou que a Xunta ofrece así aos municipios de Arteixo e de Culleredo esta posibilidade para resolver a mobilidade dos seus veciños, unhas 1.500 persoas. Neste sentido destacou que este servizo nos se está prestando hoxe por ningunha outra empresa, o que fai máis sinxela a súa posible implantación.

Coa proposta facilitada desde o Goberno galego, correspóndelle a Arteixo e Culleredo acordar co Concello da Coruña, como responsable do servizo de transporte urbano, e coa propia empresa concesionaria do bus urbano, todos os termos relativos a horarios, as rutas, paradas, tarifas.

Os Concellos de Arteixo e Culleredo asumen o compromiso de sufragar os custes económicos que se deriven da extensión do servizo de bus urbano ata os seus termos municipais, posto que deberán compensar economicamente á empresa concesionaria do transporte público do Concello da Coruña polo incremento de quilómetros que suporá a prestación deste servizo aos seus veciños.

Expresou a confianza da Xunta en que as partes implicadas consensúen unha solución canto antes para mellorar a oferta de servizos aos veciños da Zapateira, toda vez que desde o Goberno galego fixo posible este tipo de solucións eficientes no transporte público para dar mellor servizo aos cidadáns.

Concluíu comprometéndose a axilizar todos os trámites para autorizar este servizo – ou o que se pacte – e facilitar que os veciños se beneficien desta nova liña á maior brevidade.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es