CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta que o Plan de transporte metropolitano da área de Lugo permitiu bonificar máis de 719.000 viaxes desde o seu inicio

Vázquez Mourelle explica que esta prórroga garante a continuidade, un ano máis, dun plan social que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70% e un aforro anual de ata 900 euros aos viaxeiros frecuentes

Subliña as vantaxes deste sistema de billete único e de coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano, que bonifica as viaxes de 7.600 lucenses e case 1.000 mozos menores de 19 anos, que viaxen de balde

Lembra que neste intre atópase a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar en 2019 un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos

Explica que a 1ª fase do Plan, posta en marcha en agosto do ano pasado, permitiu ampliar a cobertura territorial e os servizos de transporte grazas ás novas modalidades, como o transporte compartido

Sinala que a provincia conta con 76 liñas integradas que foron empregadas xa por 31.000 usuarios xerais, ademais dos escolares, o que representa a boa acollida que está a ter por parte da xente

Indica que co traballo conxunto, colaboración e achegas construtivas, se poderá planificar un sistema de transporte público por estrada que suporá melloras substanciais no servizo ou maior cobertura na área de Lugo

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro presidiu hoxe a comisión de seguimento deste plan, no que a Xunta e os concellos acordaron por unanimidade a súa renovación en 2019

Lugo, 16 de maio de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que o Plan de Transporte Metropolitano da Área de Lugo ten permitido bonificar máis de 719.000 viaxes desde o inicio do mesmo.

Vázquez Mourelle xunto co director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu hoxe a comisión de seguimento do Plan de transporte metropolitano, que acordou por unanimidade a renovación do Plan para o ano 2019.

A conselleira explicou que o Goberno galego financia o 80% dos descontos, ao que hai que engadir o investimento preciso para financiar a Tarxeta Xente Nova, que fai gratuítas as viaxes aos menores de 19 anos. No 2019 o orzamento autonómico será de 140.000 euros ao que se suma a achega de 29.000 euros dos 9 municipios que conforman esta área.

Destacou que esta prórroga garante a continuidade, un ano máis, dun plan social que lle permite aos usuarios descontos no billete de ata o 70%, e que lles pode supoñer un aforro anual de ata 900 euros aos usuarios frecuentes.

Trátase dunha iniciativa moi importante, porque supón aforros significativos para as familias, tamén fomenta o uso do transporte público e axuda a aliviar o tráfico na cidade, contribuíndo á redución de emisións e á preservación do medio ambiente.

A titular de Infraestruturas subliñou as vantaxes deste sistema de billete único e a coordinación entre o transporte interurbano e o bus urbano. Neste intre 7.600 lucenses contan coa súa Tarxeta Metropolitana, ademais dos case 1.000 mozos que dispoñen das tarxetas Xente Nova, 7, facendo gratuíta a mobilidade para a mocidade e inculcando nas novas xeracións o uso do transporte público e contribuíndo á economía das familias.

Plan de Transporte Público de Galicia


Ethel Vázquez tamén aproveitou a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano para abordar conxuntamente as melloras do transporte público na área de cara a 2019. Así, a conselleira lembroulle aos municipios que neste intre atópase a información pública o documento base do Plan de transporte público de Galicia para acadar en 2019 un servizo máis moderno e acorde ás necesidades reais dos galegos.

Con este trámite de información pública ábrese o primeiro dos dous procesos de participación pública nos que calquera administración, colectivo ou particular poderán facer as súas achegas.

Vázquez Mourelle explicou que a 1ª fase do Plan, posta en marcha en agosto do ano pasado, permitiu xa ampliar a cobertura territorial e os servizos de transporte en boa parte da provincia de Lugo grazas ás novas modalidades, como o transporte compartido.

Deste xeito, seguiu dicindo, a provincia conta con 76 liñas integradas que foron empregadas xa por 31.000 usuarios xerais, ademais dos escolares, o que representa a boa acollida que está a ter por parte da xente.

Rematou indicando que con traballo conxunto, con colaboración e con achegas construtivas poderase planificar un sistema de transporte público por estrada que suporá melloras substanciais no servizo, maior cobertura e tamén un transporte máis adaptado ás necesidades dos veciños da área de Lugo, de cara á necesaria e obrigada reformulación do mapa de transportes no ano 2019.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es