CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de rehabilitación dos inmobles emprazados nos número 3 e 5 da rúa do Vilar, en Ourense

Obteranse tres vivendas e investirase un orzamento de preto de medio millón de euros

O Goberno galego xa está rehabilitando o edificio emprazado no número 2 da rúa do Vilar

Tamén se atopan en construción 8 vivendas de promoción pública en Covadonga

A Xunta licitou en marzo a obra de construción de tres vivendas no número 14 da rúa Cervantes

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2018.- A Xunta de Galicia vén de adxudicar o contrato de obra para a rehabilitación de dous inmobles emprazados nos números 3 e 5 da rúa do Vilar, en Ourense, nos que se obterán tres vivendas unha vez rehabilitados.

O investimento a realizar polo Goberno galego na rehabilitación será de 493.460 euros e o prazo de execución das obras será de 12 meses dende o inicio.

Actualmente a Xunta está a rehabilitar o edificio emprazado no número 2 da rúa do Vilar, no que inviste 373.662,45 euros e no que se obterán dúas vivendas. Esta obra foi iniciada no pasado mes de abril e ten un prazo de execución de doce meses.

Ademais, o Executivo autonómico está edificando oito vivendas de nova construción no barrio de Covadonga, cun investimento de 789.800 euros. Como no caso anterior, as obras iniciáronse no pasado mes de abril e teñen un prazo de execución de doce meses.

Cómpre lembrar que en marzo pasado foi licitada a construción de tres novas vivendas de promoción pública e un local no número 14 da rúa Cervantes, no que se prevé investir 650.710,42 euros.

As obras de rehabilitación no casco vello de Ourense continuarán coas actuacións que se realicen nos inmobles que a Xunta adquira na cidade despois da oferta pública de adquisición realizada no pasado mes de febreiro e para a que recibiu catro ofertas, emprazadas nas rúas Pelaio, Manuel Sueiro, Cervantes e Dous de Maio, por importe de 753.697 euros.

A Xunta está comprobando a documentación presentada e posteriormente realizarase unha taxación dos inmobles. Prevese que as escrituras de compravenda dos inmobles que se adquiran se asinen nos meses de setembro ou outubro para de seguido redactar os proxectos de rehabilitación.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es