CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta iniciará a mediados deste ano a contratación das obras para mellorar, conservar e embelecer o Camiño Inglés, á súa entrada a Compostela

Vázquez Mourelle subliña que no Camiño Inglés se ampliará ámbito de actuación, pois ademais de no treito programado entre o polígono do Tambre e o cemiterio de Boisaca, os traballos estenderanse ata o cruce de Meixonfrío

Explica que esta ampliación busca ofrecer unha mellor resposta ás necesidades dos peregrinos, sempre compatibilizada coa actividade empresarial que se desenvolve nesta área

Indica que se acondicionará o Camiño Inglés dotándoo dunha anchura mínima de 3 metros e se adecuará a parte traseira do cemiterio de Boisaca para acrecentar os valores visuais e paisaxísticos desta contorna

Lembra que paralelamente se está traballando na redacción dos proxectos dos Camiños Francés e Portugués para telos redactados no verán, sumando todas as actuacións un investimento superior aos 5 millóns de euros
 

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participaron hoxe na segunda comisión de seguimento do Protocolo de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2018.- A Xunta iniciará a mediados deste ano a contratación das obras para mellorar, conservar e embelecer o Camiño Inglés á súa entrada a Compostela, cun investimento de case 1,6 millóns de euros. Así o adiantou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que participou co conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; e representantes do Concello de Santiago na segunda comisión de seguimento do Protocolo de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago.

Vázquez Mourelle subliñou que nos últimos meses se avanzou a maior ritmo nos proxectos correspondentes ao Camiño Inglés, ampliando o ámbito das actuacións nalgúns puntos co fin de ofrecer unha mellor resposta ás necesidades dos peregrinos. Así, actuarase desde o polígono do Tambre ata o cemiterio de Boisaca, segundo o programado, pero estendendo as melloras ata o cruce de Meixonfrío, compatibilizando unha experiencia positiva do peregrino coa actividade empresarial que alí se desenvolve.

Na xuntanza de hoxe, na que tamén participaron o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, e a directora xeral de Patrimonio Cultural, Carmen Martínez, explicáronse as propostas de actuación que deseñou o equipo de arquitectos e enxeñeiros, coordinado por Xerardo Estévez, un profesional con ampla experiencia acumulada no eido arquitectónico e da xestión pública, ligada ao Camiño de Santiago.

No marco deste proxecto, acondicionarase o Camiño Inglés dotándoo dunha anchura mínima de 3 metros e adecuarase a parte traseira do cemiterio de Boisaca, para acrecentar os valores visuais e paisaxísticos co fin de que a ruta xacobea sexa percibida como sinónimo de calidade e de acollida polos peregrinos que se acheguen a Compostela.

A titular de Infraestruturas indicou que para desenvolver estas actuacións no Camiño Inglés –ao igual que nos outros ámbitos- asinarase un convenio de colaboración que fixará as obrigas e de cada unha das partes implicadas. Sinalou que hoxe se achegou unha proposta de convenio pola que a Xunta financiará e executará os traballos e o Concello de Santiago asumirá o custo das expropiacións.

Ethel Vázquez salientou que paralelamente se está traballando na redacción dos proxectos dos Camiños Francés e Portugués, co obxectivo de telos redactados no verán, sumando todas as actuacións no seu conxunto un investimento superior aos 5 millóns de euros.

O Executivo autonómico continúa avanzando sen pausa na posta en valor dos Camiños á súa entrada en Compostela para conseguir unha mellora estética e funcional e unha imaxe única para construír identidade e acadar a excelencia na experiencia do peregrino de cara ao próximo Xacobeo do ano 2021.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es