CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inicia na comarca de Verín un ciclo de charlas informativas dirixidas aos particulares e aos concellos ourensáns sobre os diferentes programas de axuda para rehabilitación de vivendas

Co obxectivo de facilitar información e asesoramento para a tramitación destas axudas convocadas polo IGVS vanse celebrar xornadas naqueles concellos da provincia que o demanden

O Goberno galego destinará neste ano case 40 millóns de euros ás liñas de fomento da recuperación do patrimonio construído

A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e responsables da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Vivenda explicaron as subvencións que están abertas en materia de vivenda
 

  • A delegada territorial, Marisol Díaz Mouteira, e responsables da Xefatura Territorial de Infraestruturas e Vivenda explicaron as subvencións que están abertas en materia de vivenda

Monterrei (Ourense), 16 de abril de 2018.- A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe nunha xornada informativa dirixidas particulares e concellos da comarca de Verín para explicarlles as políticas que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda está a desenvolver en materia de rehabilitación e renovación vivendas de Galicia. Os programas de axuda e fomento da rehabilitación suman un investimento de case 40 millóns de euros nos Orzamentos do departamento autonómico que dirixe Ethel Vázquez para 2018, e atenden criterios variados que van desde accesibilidade ata a sustentabilidade ou a mellora da calidade e conservación das construcións existentes.

Díaz Mouteira explicou que o obxectivo destas charlas informativas é “facilitar a información, colaboración e asesoramento necesaria para tramitar eficazmente as subvencións convocadas polo Instituto Galego de Vivenda e Solo”. Así, está previsto a celebración de varias charlas que achegará a información sobre as axudas que o Goberno galego xestiona en materia de vivenda a aqueles concellos que o demanden.

A delegada territorial estivo acompañada pola xefa territorial, Alicia López Míguez, e por persoal técnico do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). Marisol Díaz defendeu os beneficios das axudas en materia de rehabilitación de vivenda, xa que non só impactan de forma moi positiva na mellora das contornas urbanas, senón que axudan a xerar emprego e riqueza de cara a fixar poboación.

Na xuntanza detallouse o contido e orzamento dos diferentes programas activados, dirixidos a particulares e concellos, que permiten subvencionar todo tipo de intervencións en materia de rehabilitación, xa sexa: unha reforma exterior ou interior, unha obra para mellorar a accesibilidade ou a restauración de edificios degradados ou en ruínas. Así mesmo, na charla informativa se adiantou que a partir do mes de maio empezarán a convocarse as axudas dos diferentes programas incluídos no novo Plan estatal de vivenda 2018-2021.

Axudas a particulares

Marisol Díaz subliñou, entre as medidas ofrecidas a particulares e comunidades de propietarios, a subvención de ata o 100% dos xuros dos préstamos que soliciten os particulares para a reforma de vivendas, durante un período de 4 anos, variando a contía da axuda en función dos ingresos dos solicitantes. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 15 de outubro de 2018.

Ademais, os particulares poden optar as seguintes axudas:

- Instalación de ascensores e dispositivos salva escaleiras en vivendas que non dispoñan deles, chegando a subvencionar ata o 60% do investimento. O vindeiro 30 de maio remata o prazo de presentación de solicitudes.
- Programa Rehaluga para a rehabilitación de vivendas que se destinen a alugueiro social. As axudas a fondo perdido que ofrece o Goberno galego van desde os 4.000 euros, cando sexan edificios de vivendas, ata 5.500 euros para vivendas unifamiliares. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de novembro de 2018.
- Reparación e mellora de vivendas de promoción pública destinadas ás comunidades de propietarios para rehabilitación de elementos comúns dos edificios, alcanzando a axuda ata o 60% do investimento e 4000€ por vivenda. Aberto o prazo para solicitar estas axudas ata o 20 de maio.
- Programa ‘Vivendas do Camiño’ para a mellorar e recuperar vivendas situadas na Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago. A contía máxima da axuda pode acadar 15.000 euros cun máximo do 45% do orzamento. Os interesados dispoñen ata o 31 de outubro para solicitar estar axudas.

Programas dirixidos a concellos

Outros programas que tamén están abertos, pero que están dirixidos a concellos son os destinados a:

- Recuperación das antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal que prevé que a Xunta financie ata un 90% do custo de rehabilitación destas edificacións. O prazo para solicitar estas axudas remata o 1 de xuño.
- Infravivendas rural, axudas destinadas a concellos de menos de 10.000 habitantes e dirixidas á rehabilitación de vivendas sen condicións mínimas de habitabilidade que subvencionan como máximo o 95% do investimento, cun límite de 15.000 euros. Aberto o prazo para solicitar estas axudas ata o 1 de xuño.

- Fondo de cooperación cos concellos, dotado con 10 millóns de euros, que permite que os municipios de menos de 50.000 habitantes accedan a préstamos sen xuros para adquirir e/ou recuperar edificacións. O prazo de solicitude está aberto ata o 1 de outubro.

Na súa intervención, a delegada territorial mantivo que a rehabilitación de vivendas é unha necesidade permanente que cumpre varios obxectivos: mantemento da poboación residente en núcleos urbanos rurais e barrios de vilas e cidades necesitados de melloras; conservación do patrimonio residencial construído, así como mellorar as condicións de vida dos seus moradores, entre outros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es