CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita as obras de reforzo do firme na estrada LU-212 ao seu paso polos concellos de Taboada e Monterroso, cun investimento de preto de 305.000 euros

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, presentou as actuacións programadas que inclúen a reparación do firme nos tramos que a estrada presenta deformacións mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, presentou as actuacións programadas que inclúen a reparación do firme nos tramos que a estrada presenta deformacións mediante o fresado e a reposición da capa de rodaxe

Taboada (Lugo), 9 de marzo de 2018.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda licitou as obras de reforzo localizado do firme na estrada autonómica LU-212, ao seu paso polos concellos de Taboada e Monterroso, actuación para a que reserva un investimento de preto de 305.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado dos alcaldes de ambas localidades, concelleiros e técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), presentou as características dunha obra moi demandada polos usuarios desta vía.

O proxecto define a rehabilitación localizada do firme naquelas zonas nas que se aprecie deterioro, a executar mediante o fresado e a súa posterior reposición con mestura bituminosa en quente, en todo o ancho do carril. O treito da actuación abrangue desde o PQ 0+000 ao 10+800, o que inclúe ambos termos municipais.

Balseiro lembrou que nesta mesma estrada a Xunta xa desenvolveu unha actuación de rehabilitación de firme fai dous anos, que se completará con esta nova obra, que prevé un prazo de execución de 6 meses, unha vez teña lugar a adxudicación dos traballos.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio.

O Goberno galego segue a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es