CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta chama aos concellos de Pontevedra e Poio a poñerse de acordo sobre o tráfico na Ponte da Barca para que sexa posible ampliar as beirarrúas con seguridade para os peóns

Os técnicos advirten que ampliar as beirarrúas mantendo o dobre sentido de circulación obrigaría a estreitar os carrís e suporía un importante perigo para os peóns, ao non existir beiravías

O deseño de marquesiña elixido para as obras de reparación da ponte prevé a súa doada ampliación no caso de que se mude a ordenación do tráfico para limitalo a un carril de circulación
 

Santiago, 14 de febreiro de 2018.- A Xunta de Galicia chamou hoxe aos concellos de Pontevedra e de Poio a poñerse de acordo sobre a reordenación do tráfico na Ponte da Barca como requisito para ampliar as beirarrúas con plena seguridade para os peóns.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, remitiulles hoxe aos alcaldes de ambos municipios os planos dos estudos técnicos realizados polo Goberno galego no último ano, que acreditan que a ampliación das beirarrúas da Ponte da Barca está supeditada a establecer a circulación nun sentido a través dun único carril.

No escrito que acompaña os planos, a conselleira apela ao “criterio determinante” dos técnicos en materia de seguridade viaria. Segundo estes, explica, a ampliación das beirarrúas mantendo o dobre sentido de circulación non é posible.

A Ponte da Barca carece de beiravías, e a barreira de seguridade que separa a beirarrúa actual está xusto no borde do carril. Nesas condicións, estreitar os carrís de circulación para ampliar as beirarrúas produciría situacións de risco para peóns e vehículos, especialmente no caso de cruzamento entre, por exemplo, un camión e un autobús.

Ademais, os técnicos sinalan que ampliar as beirarrúas mantendo o actual dobre sentido obrigaría a adaptar a calzada á nova normativa en materia de sistemas de contención, é dicir, a instalar unha barreira de seguridade moito máis ancha que a actual e, polo tanto, cunha maior ocupación da calzada que impediría gañar espazo para os peóns.

A conselleira de Infraestruturas indica na súa carta que o deseño de marquesiña elixido no marco das obras necesarias de reparación da Ponte da Barca prevé a súa doada ampliación no caso de que se modifique a ordenación do tráfico para limitar este a un único sentido (xúntanse planos).

Tendo en conta iso, Ethel Vázquez reitera que se os concellos de Pontevedra e Poio coinciden na aposta pola modificación da configuración do tráfico na Ponte, deberán trasladarlle á Xunta un acordo claro e explícito ao respecto. Desa forma sería posible abordar a modificación da sección da Ponte a un único carril con sentido único de circulación, facendo viable a ampliación de beirarrúas e da cuberta proxectada de forma compatible coa seguridade dos viandantes.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es