CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A estrada AC-862 pechará ao tráfico o vindeiro xoves no treito da central térmica das Pontes pola execución de obras para a súa adaptación á normativa europea de emisións

A Xunta está a ultimar o proxecto construtivo dunha nova vía que mellorará a funcionalidade da existente ao funcionar como variante das Pontes e cuxo custo, 3,5 millóns de euros, asumirá integramente Endesa, de acordo co convenio firmado coa Xunta

Para minimizar o efecto do corte, prevese adiantar a posta en servizo dun primeiro treito da estrada entre as dúas primeiras glorietas, que permitirá xa unha mellora importante nunha mobilidade das Pontes

Mentres tanto, sinalizaranse debidamente os itinerarios alternativos de acceso ao núcleo das Pontes

Ademais desa nova vía, de aproximadamente 1 km de lonxitude, executarase unha rede de sendas de 2,5 km que garantirá a mobilidade sustentable dos veciños, con métodos alternativos á utilización do vehículo particular, a pé ou en bici

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2018.- A estrada AC-862, nas Pontes, pechará ao tráfico o vindeiro xoves no treito da contorna da central térmica, no que a empresa está a executar obras para a súa adaptación á normativa europea de emisións.

A funcionalidade desta estrada verase substituída polo trazado en variante que se está proxectando e cuxo importe de execución asumirá integramente Endesa, de acordo co convenio firmado entre Xunta de Galicia e a empresa en abril do ano pasado.

O Goberno galego vén traballando na redacción do proxecto constructivo da actuación, que xa está en fase de supervisión técnica. O investimento previsto é de 3,5 millóns de euros e nas vindeiras semanas prevese o inicio do procedemento expropiatorio, para posteriormente proceder á licitación das obras.

O proxecto que se redactou prevé que nos cinco primeiros meses se execute e adiante a posta en servizo dun primeiro tramo comprendido entre as dúas primeiras glorietas, que permitirá xa unha mellora importante nunha mobilidade das Pontes. O prazo total da actuación está en 18 meses.

Mentres tanto, sinalizaranse debidamente os itinerarios alternativos de acceso ao núcleo das Pontes.

Para transformación da central térmica de Endesa e adaptala aos requirimentos da directiva europea sobre emisións industriais, é necesario ocupar un treito da estrada autonómica que cruza as instalacións da eléctrica e que sae das Pontes cara Penapurreira e a autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba). Trátase do treito situado entre a central térmica e o ciclo combinado de gas, cun tráfico orixinado, principalmente, polos accesos á propia factoría e como conexión coa autovía.

Esta actuación é clave para o futuro dunha empresa estratéxica para a vila, xa que lle permite acometer as transformacións necesarias para ser menos contaminante e cumprir coa normativa comunitaria sobre emisións industriais, o que lle posibilita poder prolongar a vida útil das súas instalacións e manter a actividade nas Pontes máis alá do ano 2020.

Con este propósito impúlsase a execución dunha nova vía que servirá de circunvalación do núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da zona residencial e mantendo, ao mesmo tempo, a conexión existente coa Autovía Ferrol-Vilalba. Así, construirase unha nova estrada alternativa á actual AC-861 que dará acceso ao núcleo das Pontes, de aproximadamente 1 km de lonxitude. O actual treito da estrada autonómica que discorre entre a central térmica e o ciclo combinado de gas converterase nunha vía de servizo de uso exclusivo para a central térmica.

Paralelamente, executarase unha rede de sendas de 2,5 km que garantirán a mobilidade sustentable dos veciños, con métodos alternativos á utilización do vehículo particular, a pé ou en bici. Ademais, construirase un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Fundación Axencia Enerxética que estará, á súa vez, comunicado coa rede de sendas.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es