CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta que xa está aberto o prazo para que os galegos soliciten axudas á rehabilitación de vivendas por importe de máis de 7 millóns de euros

A titular de Vivenda sinala que xa están dispoñibles os préstamos bonificados para rehabilitación, que cobren ata o 100% dos xuros, as axudas para actuar nos Camiños de Santiago, as subvencións para recuperar infravivendas e as que permiten recuperar antigas casas de mestres

Lembra que está aberto o proceso de adquisición de edificios para a súa rehabilitación nos cascos históricos de Ferrol Vello, A Tinería de Lugo, Betanzos e Ourense, mediante un investimento total de 13 millóns por parte da Xunta

Avanza que o vindeiro mes de marzo publicarase unha nova convocatoria de axudas para a instalación de novos ascensores, cun orzamento que se incrementa ata os 2,5 millóns de euros

Destaca que os concellos de máis de 50.000 habitantes terán este mes á súa disposición o Fondo de Cooperación con 7,6 millóns de euros en préstamos para actuacións de rehabilitación

Subliña que todas as liñas de axuda, agás as de ascensores, permiten financiar actuacións para reducir os niveis de radón
 

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que xa está aberto o prazo para que os galegos soliciten axudas á rehabilitación de vivendas
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que xa está aberto o prazo para que os galegos soliciten axudas á rehabilitación de vivendas

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, salientou hoxe que xa está aberto o prazo para que os galegos soliciten axudas á rehabilitación de vivendas por importe de máis de 7 millóns de euros. Así o dixo durante a rolda de prensa na que, xunto co director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, presentou as liñas de fomento da recuperación do patrimonio construído, ás que o Goberno galego destinará neste ano case 40 millóns de euros.

A conselleira detallou que xa están convocadas 4 ordes de axudas, como a de préstamos subsidiados pola cal os cidadáns poden acceder a créditos para financiar obras de rehabilitación cos xuros subvencionados ata nun 100% pola Xunta de Galicia. Esas axudas, convocadas esta mesma semana, pódense solicitar ata o 15 de outubro.

Tamén está aberto o prazo de presentación de solicitudes de axudas na Área de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago, que comprende preto de 500 parroquias de 107 concellos galegos emprazados nas sete rutas oficialmente declaradas e delimitadas. O importe da convocatoria de 2018 é de case 3 M€.

Así mesmo, pódese acceder xa ás axudas para rehabilitación os propietarios de infravivenda emprazadas en concellos de menos de 20.000 habitantes, para dotalas dunhas condicións de habitabilidade. A axuda para infravivenda é do 95 % por cento do custe da rehabilitación, cun límite máximo de 15.000 euros por vivenda.

Ademais, están en marcha as axudas destinadas á rehabilitación das antigas vivendas de mestres, doutros oficios e demais edificios e vivendas de titularidade municipal, co obxectivo de obter vivendas destinadas ao alugueiro por familias de ingresos limitados.

Esta liña de axudas a concellos creouse en 2017 e grazas a elas xa están traballando na rehabilitación de antigas vivendas nos concellos de Santiso, Rianxo, Trabada, A Peroxa, Cualedro e Mos. O orzamento da convocatoria de 2017 esgotouse integramente, polo que este ano se incrementou nun 50 por cento e hai case 1 millón de euros para este fin.

Máis axudas á instalación de novos ascensores

Ethel Vázquez tamén se referiu ás axudas que se convocarán proximamente, como as de instalacións de ascensores, salva escaleiras e outros dispositivos de accesibilidade alí onde non existían. Esta liña de axudas naceu cunha dotación orzamentaria de 1,3 M€ que se esgotaron, polo que a convocatoria de 2018 incrementase e será de 2,5 millóns, o que supón un case duplicar o seu importe. Esta convocatoria está previsto que se publique no Diario Oficial de Galicia no próximo mes de marzo.

Ademais, os concellos de menos de 50.000 habitantes terán á súa disposición este mes un fondo de cooperación de 7,6 M€. A través del, os organismos municipais poden acceder a préstamos sen xuros destinados á adquisición ou rehabilitación de inmobles. Os concellos beneficiarios dispoñen dun prazo de ata oito anos para a devolución dos préstamos recibidos, pasando os importes devoltos a formar parte de novo do fondo de cooperación.

Na primeira convocatoria do fondo, en 2017, concedéronse préstamos por importe de máis de 2,4 M€, o que supón un alto interese dos concellos por este tipo de axudas, e aínda temos outros 7,6 millóns dispoñibles.

Como tódolos anos, tamén se convocarán as axudas destinadas ás áreas de rehabilitación integral (ARI) que, inda que sexan xestionadas polos concellos que asinen convenio coa Xunta, van fundamentalmente destinadas ao propietarios de vivendas e comunidades de propietarios. Os fondos destinados á ARI en 2018 roldarán os 8 M€, que se distribuirán entre os concellos que os soliciten e os propietarios das ARI.

Tamén se activarán 1,25 M€ en axudas ás comunidades de vivendas de promoción pública adxudicadas polo IGVS en réxime de compravenda e se está a traballar nas convocatorias das axudas de rehabilitación rural e en conxuntos históricos, que este ano terán unha nova regulación.

A conselleira de Infraestruturas referiuse tamén ao mantemento do propio parque público de inmobles en alugueiro, uns 3.500 nos que se realizan continuos traballos de reparación e mellora. E, ao mesmo tempo, estase a executar un programa de eficiencia enerxética das vivendas de promoción pública, cofinanciado con fondos Feder, mellorando illamentos e instalacións.

En total, indicou que o Instituto Galego da Vivenda e Solo destinará 4,3 millóns de euros á rehabilitación de vivendas de promoción pública en 2018.

En relación coa recente entrada en vigor da nova normativa comunitaria, a conselleira subliñou que todas as liñas de axuda, agás as de ascensores, permiten financiar actuacións para reducir os niveis de radón.

Programa Rexurbe

En relación co programa Rexurbe, Ethel Vázquez destacou que supón un gran esforzo a través do cal a Xunta puxo en marcha un proceso de adquisición de edificios en conxuntos históricos para a súa posterior rehabilitación con destino a vivendas e locais comerciais.

Ata o 22 de abril os propietarios de vivendas nos cascos históricos de Ferrol Vello, A Tinería de Lugo, Betanzos e Ourense poden presentar as súas ofertas de venda á Xunta, que en total destinará á súa recuperación 13 millóns de euros.

Ese investimento sumarase ao que xa está en marcha para a recuperación dos edificios que xa son da súa propiedade en Ferrol, Betanzos, Ourense, na Tinería, en Mondoñedo e en Vigo, a través do Consorcio Casco Vello.

Así mesmo, reseñou o traballo que se está a levar a cabo en materia de axudas a propietarios e comunidades de propietarios, que buscan facilitar que estas entidades, ademais dos concellos, procedan á mellora dos edificios e do seu contorno. O pasado ano 2017, outorgáronse máis de 19 millóns de euros a subvencións para rehabilitación que induciron investimentos en materia de rehabilitación por máis de millóns e que permitiron mellorar as condicións de vivenda de máis de 5.000 familias.

Finalmente, lembrou que, este ano, a Xunta de Galicia está poñendo a disposición preto de 30 M€ en axudas para a rehabilitación e que se abriron a principios do ano para maior facilidade dos beneficiarios, xa que ó remate do primeiro trimestre do ano xa se poderán solicitar o 90% das subvencións.

Vázquez Mourelle asegurou que a rehabilitación das vivendas e edificios de uso residencial constitúe unha preocupación fundamental para o Goberno galego dentro das políticas públicas en materia de vivenda, un esforzo que se centra na recuperación dos barrios históricos das vilas e cidades galegas así como en dinamizar vivendas no medio rural.

Trátase, dixo, “dunha solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación e de minorar os impactos no medio”, que, ademais, favorece a creación de emprego, ao ser o proxecto público que máis emprego mobiliza por cada euro investido.

Ethel Vázquez destacou a Lei de Rehabilitación e Rexeneración Urbana de Galicia, que, neste momento, está en fase de contestación das alegacións e que chegará ao Parlamento de Galicia este ano. Esta norma, resaltou, facilitará a execución de obras de rehabilitación en edificios e vivendas, como de mellora dos tecidos urbanos, polo que será necesario incluír medidas sociais, ambientais e económicas enmarcadas nunha estratexia administrativa global e unitaria.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es