CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza un investimento de case 7 millóns de euros para a posta a disposición de 40 vivendas rehabilitadas no barrio de Ferrol vello

Vázquez Mourelle explicou que este orzamento permitirá adquirir 18 inmobles, xa que o prezo que se pagará por metro cadrado edificable situarase entre os 230 e 287 €/m², e destinar á súa rehabilitación e mellora preto de 5,4 M€

Rey Varela destacou o ambicioso obxectivo desta iniciativa ao procurar que o casco vello da cidade sexa un lugar máis atractivo para vivir e formar unha familia

As persoas interesadas en vender os seus inmobles á Xunta para a súa rehabilitación terán 3 meses de prazo para presentar ofertas, ata o 13 de abril

A Xunta prevé ter asinadas as escrituras de compravenda correspondentes aos inmobles que resultaran elixidos tras o proceso de selección no mes de setembro e a continuación, contratar e redactar os proxectos de rehabilitación

Os edificios ou parcelas que a Xunta adquira deben atoparse en abandono ou semiabandono, ter requisitos que permitan que as novas vivendas reúnan condicións de habitabilidade e estar inscritas no Rexistro da Propiedade

A conselleira engadiu que o Goberno galego está a impulsar outras actuacións directas neste barrio, nas rúas Argüelles 1 e Virxe 19, onde se obterán entre 3 e 4 vivendas protexidas, cun investimento de máis de medio millón de euros

Sinalou que o Executivo autonómico pretende seguir completando esta aposta no futuro con outras actuacións, polo que no caso de que o Concello, que posúe inmobles neste barrio, os cedera á Xunta, serían obxecto da súa rehabilitación

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentaron hoxe o concurso de compra de inmobles para rehabilitalos, no que Ferrol contempla a maior partida con 1,2 millóns de euros
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentaron hoxe o concurso de compra de inmobles para rehabilitalos, no que Ferrol contempla a maior partida con 1,2 millóns de euros
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentaron hoxe o concurso de compra de inmobles para rehabilitalos, no que Ferrol contempla a maior partida con 1,2 millóns de euros

Ferrol, 12 de xaneiro de 2018.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe un investimento global próximo aos 7 millóns de euros para a posta a disposición de 40 vivendas rehabilitadas no barrio de Ferrol Vello. Vázquez Mourelle, xunto co conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe o concurso de compra de inmobles para rehabilitalos con fins sociais, sendo Ferrol a cidade con maior partida, con 1,2 millóns de euros, dos que o 40 % destinarase á adquisición de vivendas no citado barrio.

A titular de Vivenda explicou que este investimento permitirá adquirir 18 inmobles, xa que o prezo que se pagará por metro cadrado edificable situarase entre os 230 e 287 €/m². Concretou que se destinarán á rehabilitación e mellora destes inmobles preto de 5,4 M€ para obter unhas 40 vivendas, ademais de locais comerciais.

Como no resto das cidades, en Ferrol están establecidas dúas áreas de priorización para a adquisición dos inmobles: a Área 1, que comprende as rúas Rastro, Benito Vicetto, Carme Curuxeiras, parte da rúa San Francisco, parcialmente a rúa Virxe, Argüelles, Murillo, Río Novo, e tamén parcialmente Merced e Paseo da Mariña; e a Área 2, na que estarían incluídas o resto das rúas do conxunto histórico.

Estas actuacións da Xunta en Ferrol Vello permitirán iniciar a recuperación dun barrio que actualmente se atopa bastante deteriorado, polo que a Xunta agarda que tamén contribúan a impulsar novos investimentos por parte doutros propietarios, devolvéndolle así a vitalidade, vigor e impulso a esta zona tan singular da cidade.

Pola súa banda, o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou o ambicioso obxectivo desta iniciativa ao procurar que “o casco vello da cidade sexa un lugar máis atractivo para vivir e formar unha familia”. Neste sentido, insistiu en que RexUrbe “é unha oportunidade para a rexeneración de Ferrol Vello para o que ten que servir de catalizador e impulsor”.

Ademais, Rey Varela apuntou que este programa “é unha nova aposta do Goberno galego por facer cidade”, xa que “dará un maior dinamismo á zona de actuación, contribuirá á conservación do patrimonio e facilitará o acceso a unha vivenda digna”.

Outras actuacións no barrio

De modo paralelo ao concurso de compra de inmobles, a Xunta está a impulsar outras actuacións directas neste barrio, xa que se están redactando os proxectos para 2 inmobles adquiridos na rúa Argüelles 1, onde se contruirán novas vivendas, ao non existir o edificio antigo; e rúa Virxe 19, onde se procederá á rehabilitación da edificación existente. Ethel Vázquez sinalou que en total obteranse entre 3 e 4 vivendas protexidas, cun investimento de máis de medio millón de euros.

A responsable de Infraestruturas salientou que o Executivo autonómico pretende seguir completando esta aposta no futuro con outras actuacións, polo que no caso de que o Concello, que tamén posúe inmobles neste barrio, os cedera á Xunta, tamén serían obxecto do compromiso para a súa rehabilitación.

Concurso de compra de inmobles

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria para a compra de inmobles nos cascos históricos dos concellos de Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense, que serán rehabilitados directamente polo Goberno galego no marco do Programa Rexurbe, cun investimento de 3 millóns de euros.

O Executivo autonómico, coa adquisición de inmobles abandonados ou semiabandonados, contribuirá á rexeneración das zonas máis degradadas dos cascos vellos destas cidades, buscando tamén un reimpulso da iniciativa privada.

As persoas interesadas en vender os seus inmobles á Xunta para a súa rehabilitación terán 3 meses de prazo para presentar ofertas, ata o 13 de abril. A Xunta prevé ter asinadas as escrituras de compravenda correspondentes aos inmobles que resultaran elixidos tras o proceso de selección no mes de setembro e a continuación, contratar e redactar os proxectos de rehabilitación .

Os edificios ou parcelas que a Xunta adquira deben atoparse en abandono ou semiabandono, ter requisitos que permitan que as novas vivendas reúnan condicións de habitabilidade e estar inscritas no Rexistro da Propiedade. Priorizarase a adquisición dos inmobles en función do interese patrimonial, histórico ou social da área na que se atope e aqueles edificios que teñan especial valor arquitectónico que aconselle a súa recuperación.

Áreas de rehabilitación integral

Por outra parte, a conselleira lembrou que o Concello de Ferrol conta con 4 Áreas de rehabilitación integral: a dos barrios históricos da Madalena e Ferrol Vello, a primeira ARI declarada na cidade, en setembro do ano 2001; a do barrio da Graña, que se declarou en 2005; a de Esteiro Vello; e a de Recimil.

Actualmente están levándose a cabo traballos de rehabilitación nestas catro áreas de rehabilitación integral; para os que se teñen concedido axudas que superan os 2,4 m€, e cuxos convenios finalizan neste 2018, sendo a ARI da Madalena e de Ferrol Vello, á que se lle ten asignado máis fondos, con axudas, nestes momentos, por importe de 1,4 M€.

En total, sumadas as axudas das actuacións que están en vigor, 2,4M€, coas recollidas en convenios anteriores, que xa están pechados, 5,6M€, resultan 8 millóns de euros os concedidos e asignados mediante os correspondentes convenios á rehabilitación de vivendas situadas nas áreas de rehabilitación integral desta cidade de Ferrol.

Documento/s relacionados
  • Presentación do proxecto (19.04.2018) Descargar

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es