CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta convoca o primeiro concurso de compra de vivendas para rehabilitalas con fins sociais mediante o investimento de 3 millóns de euros

O Executivo autonómico, coa adquisición de inmobles abandonados ou semiabandonados, contribuirá á rexeneración das zonas máis degradadas dos cascos vellos destas cidades, buscando tamén un reimpulso da iniciativa privada

As persoas interesadas en vender os seus inmobles á Xunta para a súa rehabilitación terán 3 meses de prazo para presentar ofertas, ata o 13 de abril

A Xunta prevé ter asinadas as escrituras de compravenda correspondentes aos inmobles que resultaran elixidos tras o proceso de selección no mes de setembro e a continuación, contratar e redactar os proxectos de rehabilitación

Os edificios ou parcelas que a Xunta adquira deben atoparse en abandono ou semiabandono, ter requisitos que permitan que as novas vivendas reúnan condicións de habitabilidade e estar inscritas no Rexistro da Propiedade

Priorizarase a adquisición dos inmobles en función do interese patrimonial, histórico ou social da área na que se atope e aqueles edificios que teñan especial valor arquitectónico que aconselle a súa recuperación
 

Santiago, 12 de xaneiro de 2018.- A Xunta convoca o primeiro concurso de compra de vivendas para rehabilitalas con fins sociais mediante un investimento de 3 millóns de euros. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para a compra de inmobles nos cascos históricos dos concellos de Ferrol, Betanzos, Lugo e Ourense, que serán rehabilitados directamente pola Xunta no marco do Programa Rexurbe. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta publicación: https://goo.gl/X41mCN

O Goberno galego, con esta adquisición de inmobles abandonados ou semiabandonados, pretende contribuír á rexeneración das zonas máis degradadas dos cascos vellos destas catro cidades, buscando tamén un reimpulso da iniciativa privada. As rehabilitacións ou construcións que se fagan serán destinadas a vivendas protexidas e locais comerciais.

O Executivo autonómico agarda que estas actuacións sirvan de revulsivo e de incentivo para que tamén particulares e empresas se decanten pola rehabilitación e pola recuperación de inmobles nas zonas emblemáticas destas cidades.

Trátase dunha aposta por recuperar áreas completas, que máis alá da rehabilitación dos edificios tamén permita unha intervención social integral que axude a facer deses contornos lugares mellores para vivir.

Os ámbitos que se delimiten poderán, ademais, ser obxecto dunha posterior declaración como Área Rexurbe, unha figura que aparece recollida na futura Lei de rehabilitación de Galicia que está, agora mesmo, en proceso de información pública.

Estas actuacións de rehabilitación serían un primeiro paso que podería ter continuidade mediante o desenvolvemento dos futuros Plans de Dinamización previstos no anteproxecto de Lei de Rehabilitación.
 

Requisitos

Os edificios ou parcelas que a Xunta vai adquirir con este concurso deben cumprir unha serie de requirimentos como atoparse en abandono ou semiabandono ou reunir os requisitos mínimos que permitan que as novas vivendas reúnan condicións óptimas de confort e habitabilidade; ademais de estar inscritas no Rexistro da Propiedade e, tamén, libres de servidumes, cargas e gravames.

En termos xerais, o custo de adquisición de inmobles non poderá superar o valor de mercado do inmoble nin un valor máximo equivalente ao valor de repercusión do solo por metro cadrado aplicable incrementado nun 15%.

No que se refire aos criterios de selección dos edificios, priorizarase a adquisición dos inmobles en función do interese -patrimonial, histórico ou social-, da área na que se atope. Ademais, dentro de cara área primaranse aqueles edificios que teñan especial valor arquitectónico que aconselle a súa recuperación; os edificios cuxa rehabilitación contribúa de xeito especial á rexeneración da contorna onde estea emprazado; e aquelas ofertas que recollan a recuperación dun bloque de rúas completo.

O resto das ofertas puntuaranse atendendo a dous criterios xerais, que son o menor prezo; e a maior superficie destinada a vivendas que se poida conseguir tras a rehabilitación do inmoble. Na valoración terase especialmente en conta o solo e os muros de pedra que se conserven.

 

Cronograma

Unha vez publicada a oferta de adquisición, aquelas persoas que estean interesadas en vender os seus inmobles á Xunta para a súa rehabilitación terán 3 meses de prazo para presentar ofertas, é dicir, ata o 13 de abril.

Logo procederase á valoración de todas aquelas ofertas presentadas e que reúnan os requisitos esixidos e á súa selección co obxectivo de ter asinadas as escrituras de compravenda correspondentes aos inmobles que resultaran elixidos tras o proceso de selección no mes de setembro. A continuación, prevese contratar e redactar os proxectos de rehabilitación das vivendas.

Aposta pola rehabilitación

O impulso á rehabilitación sempre foi un obxectivo prioritario na política de vivenda do Goberno galego. Na pasada lexislatura, coa posta en marcha do Plan rehaVIta 2015-2020, xa se lle deu un especial protagonismo, que se viu incrementado aínda máis con novos programas e liñas de actuación que se atopan na Estratexia de Rehabilitación da Xunta.

A Xunta continúa impulsando as Áreas de rehabilitación integral, que se teñen revelado como de grande utilidade para a rehabilitación de vivendas e a recuperación dos cascos antigos das cidades.

Trátase dun programa no que Galicia foi pioneira e no que a día de hoxe segue a manter o liderado. As axudas das áreas de rehabilitación integral, que son financiadas pola Xunta e polo Ministerio de Fomento, facilítanlle aos cidadáns a rehabilitación das súas vivendas e benefician tamén aos concellos, que poden realizar con cargo a estas axudas obras de urbanización e mellora da contorna no ámbito das áreas declaradas.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es