CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O Diario Oficial de Galicia publica a nova convocatoria de axudas do Bono de alugueiro social, á que a Xunta destina 2,2 millóns de euros

As axudas poderán solicitarse a partir de mañá e ata o vindeiro día 20 de novembro

Os beneficiarios recibirán ata 200 euros mensuais, por un período de ata tres anos, para o pago do alugueiro da vivenda

Ademais hai unha axuda única de 600 euros para gastos derivados dun novo contrato ou para o pago de atrasos

Preto de 500 familias galegas xa se beneficiaron deste programa de axudas, que se renovaron para 144 delas

Santiago de Compostela, 10 de xaneiro de 2018.- A Xunta de Galicia destina este ano 2,2 millóns de euros a axudas do Bono de Alugueiro Social, incluído no Plan RehaVIta: Plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellora de acceso á vivenda 2015 – 2020, destinadas a facilitar o pago do alugueiro da súa vivenda a determinados colectivos desfavorecidos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria destas subvencións para 2018.

Os interesados poderán presentar as súas solicitudes a partir de mañá e ata o 20 de novembro. No seguinte enlace ao DOG poderase ampliar a información relativa a esta convocatoria: https://goo.gl/7uScTF

O Bono de Alugueiro Social consiste nunha axuda mensual de 150, 175 ou 200 euros mensuais, segundo a localidade onde estea situada a vivenda, destinados ao pago do arrendamento da mesma. Ademais o programa contén unha axuda adicional única de 600 euros para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro ou para o pago de atrasos no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.

Concédese polo prazo de doce meses, prorrogable por outros dous períodos de doce meses cada un, polo que os beneficiarios poden chegar a percibilo durante un período máximo de tres anos sempre que continúen cumprindo as condicións establecidas para o mesmo.

Beneficiarios

Poden beneficiarse das axudas do Bono de Alugueiro Social os seguintes colectivos:

  • Arrendatarios de vivendas de promoción pública propiedade da Xunta cuxa vixencia do contrato rematase despois da entrada en vigor desta orde.
  • As persoas que non dispoñen dos ingresos establecidos para acceder ao Programa de Vivendas Baleiras, pero que, ao atoparse nunha situación de emerxencia social, son obxecto da adxudicación dunha vivenda, cuxo alugueiro contará coa axuda do bono.
  • As persoas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora dunha demanda de desafiuzamento por non pagamento das rendas ou que se ditara unha resolución xudicial nun procedemento de similar natureza.
  • As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida dos integrados na rede galega de acollemento para este colectivo e adscritos a unha administración pública.
  • As unidades de convivencia con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

Dende a creación do programa concedéronse 467 Bonos de Alugueiro Social, por un importe de máis de 1,34 millóns de euros. Dese total xa se renovaron por segundo ou terceiro ano 144 bonos, por un importe de máis de 294.000 euros.

Bonos prorrogados

O Goberno galego, ademais do orzamento desta nova convocatoria, contempla un investimento de case 2 millóns de euros para atender aos pagos dos bonos prorrogados nos tres vindeiros exercicios. Así, para 2018 o Executivo autonómico prevé unha partida de 704.000 euros adicionais; para 2019, 720.000 euros; e para 2020, 500.000 euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es