CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta licita hoxe a rehabilitación de 3 novos edificios na Tinería en Lugo, para poñer á disposición dos veciños 4 vivendas sociais e 1 local comercial en 2019

Trátase dos inmobles Tinería 30, Recanto do Miño 17 e Recanto do Miño 11-13, cuxas obras comezarán ao longo de 2018 mediante un investimento de arredor de medio millón de euros

Vázquez Mourelle avanza que nas vindeiras semanas se iniciará a recuperación do edificio Tinería 15, cun investimento de 700.000 euros, para acondicionar 5 vivendas e 1 local comercial

Sinala que este ano están adxudicadas ou licitadas obras de rehabilitación por 1,2 M€, ás que se sumará en 2018 a contratación dos traballos da UI-8, cun investimento de 2 M€, resultando a actuación a curto prazo en 20 vivendas

Destaca que no marco do Programa Rexurbe, co que a Xunta recupera os cascos antigos das vilas e cidades, sairá en breve o concurso de compra de edificios na Tinería, por medio millón de euros, destinando á recuperación 1,6 M€ máis
 

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá o barrio da Tinería de Lugo

Lugo, 7 de decembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou esta mañá o barrio da Tinería de Lugo, onde salientou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a licitación das obras de rehabilitación de 3 novos edificios adquiridos pola Xunta co fin de recuperalos a destinalos a vivenda social.

Trátase dos inmobles Tinería 30, Recanto do Miño 17 e Recanto do Miño 11-13, cun investimento de arredor de medio millón de euros e que, unha vez rehabilitados, permitirán poñer á disposición dos veciños de Lugo 4 novas vivendas e 1 local comercial.

Vázquez Mourelle explicou que no caso destes edificios licitados hoxe cómpre continuar agora cos trámites administrativos necesarios co obxectivo de iniciar as obras ao longo de 2018, unha vez se dispoña das correspondentes licenzas municipais para a execución dos traballos, cun prazo de 12 meses, polo que en 2019 estarán rematados.

Hai uns días o Goberno galego adxudicou as obras para a recuperación do edificio Tinería 15, que comprende a rehabilitación deste inmoble e tamén a súa ampliación co solar contiguo, cun investimento de 700.000 € para acondicionar 5 vivendas e 1 local comercial. Neste sentido, a titular de Vivenda indicou que esta obra comezará en poucas semanas, tan pronto haxa licenza por parte do Concello. O prazo de execución é de 12 meses, polo que estará finalizada a comezos de 2019.

A Xunta tamén está a avanzar na zona UI-8, pois a principios de novembro se adxudicou o contrato para a actualización do proxecto básico e a redacción do proxecto para a construción de 11 vivendas de promoción pública, rochos, locais e urbanización do espazo exterior. Isto permitirá licitar as obras de construción e urbanización ao longo de 2018, cun investimento próximo aos 2 M €.

A conselleira fixo fincapé en que este ano están adxudicadas ou licitadas actuacións de rehabilitación por importe de máis de 1,2 M €, ás que se sumará, ao longo de 2018, o inicio da contratación dos traballos da UI-8, cun investimento de 2 M €. Engadiu que no forte impulso da Xunta á rehabilitación, tamén o vindeiro ano se continuará coa adquisición de novos inmobles na Tinería para a súa posterior recuperación.

Ethel Vázquez avanzou que no marco do Programa Rexurbe -que aglutina as obras de rehabilitación directa que fai a Xunta co obxectivo de recuperar e revitalizar os cascos máis antigos das vilas e cidades- proximamente sairá o concurso de compra de novos edificios na Tinería, por importe de medio millón de euros, destinando á súa recuperación arredor de 1,6 M€ máis.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es