CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez avanza que os novos proxectos da Xunta permitirán acadar a cifra de 107 vivendas rehabilitadas no barrio da Tinería, en Lugo

Anuncia a próxima licitación das obras de rehabilitación de 3 novos edificios por importe de medio millón de euros, que se sumarán ás recentemente adxudicadas, permitindo recuperar 9 vivendas e 2 locais comerciais

Engade que en 2018 se licitarán as actuacións de urbanización e execución de vivendas da unidade de actuación UI-8, cun orzamento de máis 2 millóns de euros

Destaca que a Xunta leva xa investidos 25 millóns de euros que permitiron a recuperación de 36 edificios neste barrio

Lamenta a falta de colaboración do Concello de Lugo, que dilata ata un ano o prazo de concesión de licenzas para a rehabilitación na Tinería e foi a única das grandes cidades galegas que non solicitou axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral
 

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, avanzou hoxe no Parlamento de Galicia que os novos proxectos da Xunta permitirán acadar a cifra de 107 vivendas rehabilitadas no barrio da Tinería, en Lugo.

Na súa intervención, a responsable de Vivenda do Executivo autonómico anunciou a próxima licitación das obras de rehabilitación de 3 novos edificios por un investimento de medio millón de euros, que se sumarán ás recentemente adxudicadas, permitindo recuperar 9 vivendas e 2 locais comerciais.

Concretou que en 2018 se licitarán as actuacións de urbanización e execución de vivendas da unidade de actuación UI-8, cun orzamento de máis 2 millóns de euros. Lembrou que a Xunta leva xa investidos 25 millóns de euros que permitiron a recuperación de 36 edificios neste barrio.

O Goberno galego segue a traballar pola revitalización e dinamización desta zona da cidade, nestes momentos, co impulso da rehabilitación doutros catro edificios, entre os que destaca Tinería, 15, que se adxudicou hai tan solo uns días e no que se investirán case 700.000 euros.

Neste caso, rehabilitarase o inmoble e ampliarase no solar contiguo, o que suporá obter 5 vivendas e 1 local na planta baixa. Todas estas accións indican, tal como explicou Ethel Vázquez, que a Xunta é a única Administración que, agora mesmo, está a investir na recuperación de inmobles e na rehabilitación deste barrio lucense.

A conselleira de Infraestruturas lamentou o pouco interese por parte do Concello na recuperación desta zona histórica da cidade da Muralla, que “nin inviste, nin cumpre coas súas obrigas, nin parece que teña intención de facelo”. Precisou que “o Concello tarda ata un ano en outorgar as licenzas para a execución dunha obra de rehabilitación”.

Pérdida de axudas

Vázquez Mourelle lembrou que, este ano, o Concello de Lugo converteuse na única das sete cidades galegas que renunciou ás axudas das áreas de rehabilitación integral ao non presentar a solicitude na convocatoria de marzo pola cal se repartiron 15,3 M€. Así, os veciños do casco vello, é dicir, de toda a zona dentro da muralla, incluíndo a Tinería, perderon axudas por importe de máis de 1 M€ para a rehabilitación.

A rehabilitación é unha liña estratéxica da política de vivenda do Goberno galego, polo que está a apostar decididamente por conservar e protexer o patrimonio arquitectónico das vilas e cidades a través de distintas liñas de actuacións como a adquisición e recuperación de inmobles nos cascos históricos para destinalos a vivenda social, algo que se está a facer en Lugo, no barrio da Tinería.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es