CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez salienta que as execucións hipotecarias descenderon en Galicia en case un 46 % no terceiro trimestre do ano, rexistrando o dato máis baixo de toda a serie histórica

Vázquez Mourelle subliña que as medidas activadas pola Xunta posibilitan continuar coa política de loita contra os desafiuzamentos e atender a máis de 1.500 familias que perderon a vivenda por impago do alugueiro ou da hipoteca

Lembra que o Goberno galego seguirá aplicando as 12 medidas de apoio ás persoas con dificultades en materia de vivenda, xa que os Orzamentos do vindeiro ano reservan 2,6 M € para este tipo de actuacións

Indica que máis de 3.500 familias teñen accedido a algunha das numerosas axudas no ámbito da rehabilitación no que vai de 2017, que dan resposta ás necesidades de vivenda da poboación e recuperan o patrimonio construído

A Xunta tamén concedeu 462 Bonos de alugueiro social desde a súa posta en marcha, dos que 204 corresponden a este ano

O Programa de vivendas baleiras, que busca facer dun conxunto de inmobles desocupados unha bolsa de vivendas sociais, xa conta con 53 concellos adheridos, habendo vivendas xa incorporadas e tamén adxudicadas
 

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda destacou hoxe no Parlamento de Galicia que os programas de vivenda da Xunta permiten que máis de 6.000 familias ao ano se estean a beneficiar das axudas ao alugueiro

Santiago, 5 de decembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe no Parlamento de Galicia que as execucións hipotecarias sobre familias descenderon en Galicia un 45,6% durante o terceiro trimestre do ano fronte ao mesmo período do ano anterior, rexistrando o dato máis baixo de toda a serie histórica, tal como amosan os datos que onte publicaba o Instituto Nacional de Estadística.

Vázquez Mourelle fixo fincapé en que o camiño da Xunta é continuar loitando contra os desafiuzamentos, apoiando ás familias e poñendo enriba da mesa alternativas e solucións a todas aquelas persoas que o poidan precisar. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego conta con 12 medidas activas, que se seguirá aplicando mentres sexa necesario, xa que os Orzamentos do vindeiro ano reservan 2,6 M € para destinalas a este tipo de actuacións.

Ethel Vázquez subliñou que os programas de vivenda da Xunta teñen permitido continuar coa política de loita contra os desafiuzamentos e atender a máis de 1.500 familias que perderon a vivenda por impago do alugueiro ou da hipoteca. O Goberno galego tamén apostou por programas de fomento do alugueiro cos que máis de 6.000 familias ao ano se benefician das axudas ao alugueiro da Xunta.

O Executivo autonómico tamén continúa a traballar intensamente no eido da rehabilitación, posto que é unha solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación; e para recuperar o patrimonio construído e revitalizar as vilas. Así, máis de 3.500 familias teñen accedido a algunha das numerosas axudas activadas no ámbito da rehabilitación no que vai de 2017.

A responsable de Infraestruturas engadiu que o Programa de vivendas baleiras, que busca facer dun conxunto de vivendas desocupadas unha bolsa de vivendas sociais, xa conta con 53 concellos adheridos, habendo inmobles xa incorporados e tamén adxudicados.

A conselleira indicou que estas medidas activadas polo Goberno galego continúan a dar os seus resultados, pois, por exemplo, desde a posta en marcha do Bono de alugueiro social concedéronse 462, dos que 204 foron neste ano 2017.

Outra medida que tamén está a achegar solucións ás familias en risco de perder o seu fogar é o programa das vivendas cedidas polas entidades financeiras. Este ano lévanse adxudicadas 49 vivendas en réxime de alugueiro social ás familias con dificultades, cifra que ascende ata as 115 vivendas adxudicadas desde a sinatura dos convenios de colaboración.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es