CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inviste preto de 54.000 euros na adecuación de oito vivendas de promoción pública en Novo Mesoiro, na Coruña

Os traballos necesarios para que os pisos recuperen a súa habitabilidade comezarán antes de que remate o ano e concluirán nun máximo de mes e medio

O obxectivo é recuperar os inmobles para poñelos no menor tempo posible á disposición dos adxudicatarios, xa designados por sorteo entre os demandantes
 

A Coruña, 6 de decembro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de anunciar o inicio inminente da obras de adecuación de oito vivendas de promoción pública no barrio de Novo Mesoiro, na Coruña, e que supoñen un investimento de preto de 54.000 euros. Os traballos de reforma darán comezo antes de fin de ano e estarán rematados nun prazo máximo de mes e medio.

As vivendas sobre as que se está a actuar están situadas en dous bloques de Novo Mesoiro, e nelas executaranse as obras necesarias para poder entregarllos aos adxudicatarios, logo de que no seu día se sorteasen entre os inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda.

A Xunta traballa, de cara ao vindeiro ano, na primeira lei de rehabilitación e rexeneración urbana de Galicia coa intención de facilitar a recuperación do patrimonio construído. “Unha lei que promoverá a preservación do noso patrimonio histórico e facilitará a a rehabilitación de edificios tradicionais”, sinalou o delegado territorial.

Esta actuación enmárcase na aposta do Goberno galego pola rehabilitación e lembrou que nos presupostos para 2018 están 2,3 millóns de euros para actuacións do Instituto Galego da Vivenda e Solo na cidade da Coruña. Na comarca, e dentro da mesma estratexia de posta en valor do patrimonio, a consellería ten previsto destinar 2,5 millóns de euros en actuacións de rehabilitación á localidade de Betanzos.

Así mesmo, o programa de Áreas de Rehabilitación Integral (ARI), cofinanciado polo Ministerio de Fomento e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda reservou para a cidade herculina máis dun millón de euros, dos que preto de 300.000 proceden da parte autonómica. As dúas áreas para as que se conceden axudas son a cuarta fase do barrio dos Mariñeiros e a primeira fase de Elviña.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es