CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta porá en servizo o vindeiro verán a senda peonil e ciclista entre Ares e Mugardos grazas a un investimento de case 1,5 millóns de euros

O itinerario permitirá conectar o núcleo urbano de Mugardos, nas proximidades do colexio público, co de Ares, na contorna do CPI Conde de Fenosa

Estas accións encamíñanse a mellorar e canalizar de xeito seguro o fluxo de peóns e ciclistas, así como de ordenar e calmar o tráfico nas partes máis urbanas da senda

Esta actuación forma parte do Plan de sendas de Galicia na comarca de Ferrol nos a se prevé construír máis de 13 quilómetros de novas sendas, cun orzamento que se supera os 4,1 millóns de euros

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras
  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, supervisou hoxe as obras

Ares (A Coruña), 1 de decembro de 2017.- Os veciños de Ares e Mugardos poderán desfrutar o vindeiro verán dun novo itinerario peonil e ciclista na estrada AC-130, que unirá ambos os dous concellos, tal como informou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, durante a visita de supervisión das obras.

Esta actuación supón un investimento de case 1,5 millóns de euros por parte da Xunta e busca favorecer os desprazamentos habituais dos cidadáns e un reforzo da súa seguridade, ademais de contribuír a unha maior integración urbana e ao fomento dunha mobilidade máis respectuosa co medio.

Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses e consisten na construción dunha senda compartida para uso de peóns e bicis pola marxe esquerda da estrada, ao longo de case 3,7 quilómetros. Un novo itinerario que permitirá conectar o núcleo urbano de Mugardos, nas proximidades do colexio Unión Mugardesa, con Ares, na contorna doutro colexio, neste caso o CPI Conde de Fenosa.

A nova senda terá un ancho de 2,75 metros, estará separada da estrada por unha zona axardinada e será de formigón coloreado, para que sexa máis facilmente visible e identificable polos vehículos que transitan a estrada.

Esta vía contempla tamén un aparcadoiro nunha superficie colindante á estrada e ao colexio de Mugardos, unha pasarela de madeira para dar continuidade á senda sobre o Rego de Cacho, o acondicionamento dos accesos e cruces no entorno da senda, e unha glorieta na entrada a travesía de Ares, na intersección coa Avda. Federico García Expósito pola que se accede á praia.

Vázquez Mourelle explicou que estas accións encamíñanse a mellorar e canalizar de xeito seguro o fluxo de peóns e ciclistas, así como de ordear e calmar o tráfico nas partes máis urbanas da senda.

Esta actuación entre Ares e Mugardos enmárcanse no Plan de Sendas da comarca de Ferrolterra, no que o Goberno galego está a avanzar de forma decidida, un Plan que prevé a construción de 6 novos itinerarios que suman ao redor de 10 quilómetros e que supoñen un investimento próximo aos 4 millóns de euros.

Nestes momentos xa hai unha senda rematada, na AC-133, no treito O Ramo en Fene; dúas en obras en execución, esta de Ares-Mugardos e a de Cabanas); outra en Narón que se licitará proximamente tras aprobarse onte as expropiacións no Consello da Xunta; e as outras 2 se atopan en diferentes procesos de tramitación.

En definitiva, o Executivo autonómico atópase en pleno desenvolvemento do Plan de sendas de Galicia, que concreta a construción de itinerarios, peonís e ciclistas, seguros, sostibles e integrados na paisaxe, para reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das nosas estradas e promover unha mobilidade máis saudable e sustentable.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es