CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Ethel Vázquez pon en valor o papel da investigación para acadar estruturas de formigón máis duradeiras nas obras públicas e contribuír á mellora do sector da construción

Vázquez Mourelle salienta que o formigón é un material fundamental para a execución de obra pública e concreta que o consumo deste producto constitúe un bo indicador da recuperación económica e da mellora da competitividade

Indica que a Xunta conta con varias actuacións neste eido, xa que se está a levar a cabo a reparación da Ponte do Xallas, en Dumbría, e o vindeiro ano traballarase na rehabilitación da estrutura da Ponte da Barca, en Pontevedra

Explica que o Goberno galego aplicou un tratamento innovador na reparación da Ponte da Illa de Arousa, resultando positivo para ter en conta noutras actuacións

  • A conselleira de Infraestruturas e Vivenda participou hoxe na inauguración da xornada técnica sobre ‘Durabilidade das estructuras de formigón’, na Escola técnica superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña

A Coruña, 1 de decembro de 2017.- A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, participou hoxe na inauguración da xornada técnica sobre ‘Durabilidade das estructuras de formigón’, na Escola técnica superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña, onde puxo en valor o papel da investigación para acadar estruturas de formigón máis duradeiras nas obras públicas e contribuír á mellora do sector da construción.

Vázquez Mourelle salientou que este foro é un importante encontro no que os enxeñeiros, directores de obras, representantes das empresas do sector e entidades públicas como a Universidade da Coruña, comparten as súas experiencias prácticas. Concretou que estas reunións sérvenlle ás Administracións públicas para achegarse aos novos aproveitamentos dos materiais, así como para abordar novas técnicas ou solucións innovadoras para mellorar na construcción e conservación das infraestructuras públicas.

A conselleira subliñou que a Xunta conta con varias actuacións neste eido, xa que se está a levar a cabo a reparación da Ponte do Xallas, en Dumbría, e o vindeiro ano traballarase na rehabilitación da estrutura da Ponte da Barca, en Pontevedra. As intervencións de conservación sobre as pontes de Pedrido e Arousa, foron outras actuacións que executou a Administración autonómica.

No caso da Ponte da Illa de Arousa, no marco dunhas obras de reparación, aplicouse de xeito innovador un tratamento de protección catódica, deixando unha pila sen protección para avaliar o tratamento. A conclusión desta análise resultou ser moi positiva para ter en conta en futuras actuacións.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que o formigón é un material fundamental para a execución de obra pública. Concretou que o consumo deste material constitúe un bo indicador da recuperación económica e da mellora da competitividade. Así, prevese que os vindeiros datos de consumo de cemento e formigón confirmen un cambio de tendencia con respecto aos últimos anos, e permitan que a perspectiva a medio prazo sexa situarse nos ratios medios da Unión Europea.

A responsable de Infraestruturas indicou que a reactivación da economía amosa unha evolución positiva para avanzar na planificación de obra pública, onde o formigón e a aplicación de novas técnicas e solucións innovadoras ofrecen alternativas fundamentais. Convértese tamén nunha oportunidade para as empresas e os traballadores vinculados á súa produción.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es