CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta supervisa o avance das obras da senda peonil e ciclista entre Amoedo e Pazos de Borbén, na estrada PO-250

A lonxitude total deste itinerario é de case 820 metros e conta cun investimento de máis de 220.000 euros, cofinanciado nun 80% con fondos Feder

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse hoxe ata o municipio pontevedrés e recorreu a senda xunto ao alcalde
 

  • O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acudiu esta mañá ao Concello de Pazos de Borbén para supervisar o avance das obras do itinerario peonil e ciclista

Pazos de Borbén (Pontevedra), 13 de novembro de 2017.- O delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acudiu esta mañá ao Concello de Pazos de Borbén para supervisar xunto ao alcalde do municipio, Andrés Iglesias, o avance das obras do itinerario peonil e ciclista que o Goberno galego ten proxectado na estrada PO-250, no treito Amoedo- Pazos de Borbén.

O obxectivo deste proxecto é a execución dunha senda na marxe dereita da estrada PO-250, entre os puntos quilométricos 6+500 e 7+320, que servirá para conectar as travesías de Amoedo e Pazos. A lonxitude total deste itinerario é de case 820 metros, cunha sección tipo que consta dunha senda de 2,5 metros de ancho separada da calzada por cuneta de seguridade, unha zona axardinada máis os bordos de separación; salvo nos últimos 70 metros, na zona urbana de Pazos, na que a sección se reduce eliminando a cuneta e a banda vexetal.

As obras previstas comprenden tamén outras actuacións necesarias para garantir a funcionalidade da senda executada. Así, levaranse a cabo a mellora da rede da drenaxe existente na zona, coa execución de foxo de seguridade e prolongación das obras de drenaxe transversal; execución de estruturas de contención de terras para ampliación da plataforma e execución da senda; ou a optimización da sinalización e o balizamento. Coa execución da senda existirá un itinerario peonil continuo nesta estrada entre Amoedo e Pazos de Borbén de máis de 2 quilómetros, xa que estes núcleos urbanos xa contan con beirarrúas.

A senda conta cun investimento de máis de 220.000 euros e a súa construción está cofinanciada nun 80% polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

En declaracións aos medios, o delegado territorial recordou que este itinerario está enmarcado na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, á que a Xunta destinará 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios. O plan foi aprobado o pasado día 3 de febreiro.

Segundo indicou López-Chaves, a Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es