CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta modifica o plan sectorial de áreas empresariais para mellorar a viabilidade e incluír ámbitos novos onde existe demanda de solo

O DOG publica hoxe o anuncio de exposición pública da modificación, que afecta aos concellos de Palas de Rei, Bueu, Cangas, Cerceda, Ourense, Moaña e Cambre

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2017.- A modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia estará suxeito a exposición pública polo prazo dun mes, tal e como establece o anuncio publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) e que se pode consultar no seguinte enlace: https://goo.gl/hkCr3M.


O obxectivo desta modificación é favorecer e mellorar a viabilidade para o desenvolvemento futuro das áreas empresariais de As Encrobas (Cerceda), Seixalbo-Cumial (Ourense), Bueu-Castiñeiras e Moaña recollidas no plan sectorial, corrixir o erro detectado no emprazamento do parque de Erzana en Cambre e engadir a terceira fase do parque empresarial de Palas de Rei.

Esta modificación do plan sectorial permite introducir no mesmo a terceira fase do parque empresarial de Palas de Rei, unha vez que a segunda fase do mesmo se vendeu na súa totalidade e xa non se dispón de solo neste parque empresarial. Esta terceira fase terá unha superficie total de 42.280,56 metros cadrados de superficie.
Os outros parques empresariais que serán obxecto de modificación no plan sectorial xa estaban incluídos no mesmo, pero é necesario realizar algunhas modificacións.

No caso do parque empresarial Bueu-Cangas incluído no plan sectorial prevese a partición en dous parques diferentes. O ámbito inicialmente previsto está atravesado polo corredor do Morrazo, o que favorece a división en dous parques. O parque de Bueu, cunha superficie de 188.123 metros cadrados, continuará no emprazamento inicialmente previsto, como ampliación do actual parque de Castiñeiras, mentres que o de Cangas, con 74.138 metros cadrados, cambia a un emprazamento máis axeitado e mellor comunicado, ocupando os terreos dunha canteira, de maneira que a actuación permitirá a recuperación ambiental e paisaxística da zona.


Tamén se divide en dúas actuacións o parque das Encrobas (Cerceda), ao quedar o ámbito inicial partido en dous polo trazo da liña ferroviaria do AVE. As actuacións resultantes pasarán a chamarse parque empresarial de Encrobas 1 e parque empresarial de Encrobas 2.


En Seixalbo-O Cumial, no concello de Ourense, modifícase a delimitación do ámbito do parque empresarial, axustándoo ao parcelario existente e desafectando zonas residenciais.

No parque empresarial de Moaña redúcese nun 35 por cento a superficie inicial delimitada e no de Erzana, en Cambre, delimítase correctamente, corrixindo o erro existente no documento inicial.


A modificación do Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais de Galicia poderase consultar durante un mes nos sete concellos afectados e na web do IGVS (http://www.igvs.es/web/actuamos/476)

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es