CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inicia o procedemento de adxudicación de vivendas de promoción pública en Ferrol

Está prevista a inclusión de nove pisos vacantes e a elaboración dunha lista de adxudicatarios para as vivendas que poidan quedar dispoñibles en vindeiros meses

Ferrol, 11 de novembro de 2017.- A Xunta de Galicia adxudicará nove vivendas de promoción pública actualmente vacantes no concello de Ferrol, unha vez que a Comisión Provincial de Vivenda iniciou os trámites para o sorteo entre os inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda na localidade. O sorteo realizarase o vindeiro 19 de decembro.

As vivendas a sortear están vacantes despois da renuncia dos seus adxudicatarios anteriores. O proceso iniciado permitirá ademais elaborar unha lista de adxudicatarios paras as vivendas que queden vacantes nos vindeiros meses, de maneira que a adxudicación se realice o antes posible.

No sorteo, que se celebrará o 19 de decembro próximo, extraeranse 40 expedientes do Rexistro de Demandantes cos que, unha vez examinada a documentación para comprobar que cumpren os requisitos establecidos, se elaborará unha lista de adxudicatarios. Unha vez publicada esta lista na web do IGVS e no taboleiro de anuncios do concellos, os interesados poderán presentar as alegacións que consideren oportunas.

A entrega das nove vivendas actualmente dispoñibles realizarase unha vez rematado o proceso de adxudicación e todos os trámites previos. No caso de renuncia dalgún adxudicatario a vivenda correspondente adxudicarase ao primeiro da lista de espera. As vivendas poderán adxudicarse en réxime de compravenda ou alugueiro en función dos ingresos dos adxudicatarios.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es