CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta convoca para o 30 de outubro os titulares dos terreos afectados pola construción dunha senda peonil e ciclista en Navia para o levantamento de actas previas

Os propietarios dos terreos deberán acudir ao Concello de Vigo entre as 9.30 e as 13.30 horas

A senda, cunha lonxitude de 1,5 quilómetros, transcorrerá pola marxe da PO-325, e permitirá mellorar a seguridade e os accesos peonís coa avenida Ricardo Mella

Esta actuación está enmarcada no Plan de Sendas na comarca de Vigo, que contempla a execución de 9 itinerarios e un investimento duns 5 millóns de euros
 

Santiago, 13 de outubro de 2017.-A Xunta convoca para o vindeiro día 30 de outubro os titulares dos terreos afectados pola construción da nova senda peonil e ciclista na parroquia de San Paio de Navia, para o levantamento de actas previas.
Os propietarios dos terreos deberán acudir ao Concello de Vigo no horario comprendido entre as 9.30 e as 13.30 horas. No seguinte enlace ao Diario Oficial de Galicia (DOG) pode ampliarse a información relativa ao anuncio publicado hoxe: https: //goo.gl/jrFuVP
Esta actuación, na que o Goberno galego investirá 300.000 euros, mellorará a conectividade e os accesos peonís coa Avenida Ricardo Mella.
A senda, que terá unha lonxitude de case 1,5 quilómetros, executarase nunha marxe da estrada autonómica PO-325, unindo o tramo comprendido entre a glorieta de intersección da VG-20, a circunvalación de Vigo, ata o cruce coa rúa Muíños, estrada que comunica con Samil, uníndose aí co carril bici xa existente na zona de Coruxo e que chega ata Baiona.
Esta infraestrutura facilitará os desprazamentos cotiás de peóns e ciclistas que transitarán dun xeito máis cómodo e seguro. Así mesmo, acadarase unha mobilidade sostible e incidirase positivamente no reforzo da seguridade viaria.
Este itinerario peonil e ciclista de Navia está incluído no Plan de Sendas de Galicia, que prevé a construción dunha rede de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe.
Na comarca de Vigo, o Plan de Sendas tradúcese na execución de 9 novos itinerarios que comprenden 12,5 quilómetros de sendas e supoñen un investimento de case 5 millóns de euros.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es