CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inviste máis de 1 millón de euros en novos proxectos de mellora de infraestruturas e servizos en Cervo

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou en Riocobo os detalles das obras de renovación da rede de abastecemento, que están en fase de licitación

Afirmou que a metade das achegas do Goberno galego, 500.000 euros, destínanse a accións de dinamización económica e fomento do emprego no municipio
 

  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou en Riocobo os detalles das obras de renovación da rede de abastecemento, que están en fase de licitación
  • O delegado territorial, José Manuel Balseiro, explicou en Riocobo os detalles das obras de renovación da rede de abastecemento, que están en fase de licitación

Cervo (Lugo), 11 de outubro de 2017.- A Xunta de Galicia realiza un investimento de 1,1 millóns de euros en novos proxectos de mellora de infraestruturas e servizos en Cervo que se desenvolverán nos vindeiros meses.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, visitou hoxe Riocobo e explicou que Augas de Galicia acaba de licitar as obras de renovación da rede de abastecemento da zona por un importe de preto de 200.000 euros. Esta intervención beneficiará a case 400 veciños e implicará a substitución das canalizacións de fibrocemento -instaladas hai 30 anos- por outras novas de polietileno. O prazo de execución dos traballos será de catro meses.

Balseiro sinalou o esforzo que está a realizar a Xunta para mellorar as infraestruturas hidráulicas no municipio, xa que ademais sufraga con 40.000 euros as obras de saneamento no núcleo da Pena, en San Román, e as de Castelo, tamén con preto de 40.000 euros, que permitirán conectar o núcleo de Praza coa estación depuradora e ampliar o servizo que ata o de agora só estaba dispoñible en catro núcleos da parroquia.

Pero ademais, subliñou o delegado, a Xunta financia obras de infraestruturas viarias, como o acondicionamento da Avenida da Mariña, en San Cibrao, que recibe 70.000 euros a través do plan Hurbe; o arranxo de varios camiños ao abeiro do plan Marco (máis de 22.000 euros) e o impulso con 35.900 euros de tres proxectos para o acondicionamento de pistas nas parroquias de San Román e Rúa promovidos pola Asociación de Veciños da rúa Candelaria, a asociación de San Román de Vilaestrofe e a Asociación de Mulleres Rurais As Espalladoras, respectivamente.

Igualmente, o Goberno galego colabora na reforma da carpintería exterior da Casa Consistorial, achegando máis de 39.000 euros; e a través do Fondo de Cooperación Local o concello recibe preto de 208.000 euros que pode destinar ás accións que considere máis oportunas.

Economía e emprego


José Manuel Balseiro destacou que practicamente a metade das achegas aprobadas recentemente polo Goberno galego en Cervo, en concreto 506.000 euros, corresponden a accións de dinamización económica e fomento do emprego financiadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Así, sufraga con preto de 280.000 euros o obradoiro de emprego que comparte Cervo con Xove e Burela e que botou a andar hai uns días. Pero ademais, apoia con 116.400 euros a organización de catro cursos de formación dirixidos prioritariamente a persoas desempregadas, para mellorar as súas perspectivas de inserción laboral, e achega máis de 40.000 euros para a contratación por parte do concello dun orientador laboral e de de dúas persoas perceptoras da Risga que reforzan os servizos municipais.

Entre os proxectos de próxima execución no municipio, o delegado lembrou expresamente o investimento para establecer un espazo de emprendemento comercial en Sargadelos, ao que a Xunta destina 70.000 euros e que “outorgará unha nova vitalidade a un conxunto que foi fundamental no devir cultural e económico deste municipio”.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es