CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

Paradela e Portomarín terán máis buses de conexión con Sarria e Lugo, tamén durante as fins de semana e festivos

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, subliñou “o esforzo da Consellería de Infraestruturas por axustar o Plan de Transporte ás necesidades reais dos veciños en todo o territorio”

Lugo, 10 de outubro de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda incrementará a frecuencia dos autobuses que conectan de luns a venres Paradela e Portomarín e que enlaza ambos concellos con Lugo e Sarria. Ademais, o servizo prestarase tamén en festivos e fins de semana.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que nos días laborais duplícanse as frecuencias con respecto ás que inicialmente se prevían no Plan de Transporte para Paradela e Portomarín, unha de ida e outra de volta.

Deste xeito, os veciños de ambos concellos disporán de luns a venres de dous horarios tanto de ida como de volta, dentro da liña xenérica Lugo-Sarria. Pola mañá pararán os buses que saen en dirección Lugo ás 8.45 horas e os que saen en dirección Sarria ás 13.00 horas. Pola tarde, o da 17.30 en dirección Lugo e o das 19.30 en dirección Sarria.

Ademais, segundo a nova ordenación, ofrecerase o servizo tamén as fins de semana: o sábado pola mañá co mesmo horario de ida e volta, e os domingos e festivos con paradas ás 10.00 e ás 17.30 horas.

Así mesmo, o concello de Portomarín conta cun servizo adicional de comunicación con Lugo de luns a venres, todos os días do ano, a través dunha liña integrada, con chegada a Lugo ás 8:40h e regreso dende Lugo os luns lectivos ás 17.45, de martes a venres lectivos ás 14.30, e de luns a venres non lectivos ás 14.30 horas.

Balseiro destacou que a ampliación aprobada demostra “o esforzo que está a realizar a Consellería de Infraestruturas por axustar o Plan de Transporte ás necesidades reais dos veciños en todo o territorio”.

Na mesma liña, engadiu que o Plan de Transporte “non é un documento pechado, senón que se vai acomodando tanto como é posible para cumprir o obxectivo de que todos os lucenses dispoñan dun servizo de transporte público útil preto das súas casas”.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es