CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta aproba o proxecto de trazado para dotar o núcleo das Pontes dunha nova circunvalación

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que tamén se autoriza o expediente de información pública deste proxecto

A actuación é clave para o futuro de Endesa ao permitirlle acometer as transformacións para cumprir coa normativa comunitaria sobre emisións industriais coa fin de manter esta actividade estratéxica para a vila máis alá do 2020

As novas instalacións da empresa ocuparán un treito dunha estrada autonómica, a cambio do cal Endesa investirá case 4 millóns de euros na construción de novas infraestruturas viarias ao servizo dos veciños

Executarase unha nova vía que servirá de circunvalación do núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da residencial, mantendo a conexión existente coa Autovía Ferrol-Vilalba

Construiranse unha rede de sendas de 2,5 km que garantirán a mobilidade sustentable dos veciños e un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Fundación Axencia Enerxética

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2017.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o anuncio polo que se fai pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da reordenación do sistema viario do núcleo das Pontes de García Rodríguez para o cumprimento por parte da central térmica da Directiva 2010/75/UE, sobre emisións industriais.

No seguinte enlace ao DOG pode ampliarse a información relativa a este anuncio: goo.gl/sNJ2ro

Para a transformación da central térmica de Endesa e adaptala aos requirimentos da directiva europea sobre emisións industriais, é necesario ocupar un treito da estrada autonómica que cruza as instalacións da eléctrica e que sae das Pontes cara Penapurreira e a autovía AG-64 (Ferrol-Vilalba). Trátase do treito situado entre a central térmica e o ciclo combinado de gas, cun tráfico orixinado, principalmente, polos accesos á propia factoría e como conexión coa autovía. A Xunta autorizou esa ocupación, a cambio da cal Endesa investirá case 4 millóns de euros na construción de novas infraestruturas viarias ao servizo dos veciños do Concello.

Esta actuación é clave para o futuro dunha empresa estratéxica para a vila, xa que lle permite acometer as transformacións necesarias para ser menos contaminante e cumprir coa normativa comunitaria sobre emisións industriais, o que lle posibilita poder prolongar a vida útil das súas instalacións e manter a actividade nas Pontes máis alá do ano 2020. Este proxecto tamén lle reportará importantes beneficios a todos os veciños porque ademais da calidade de vida, verán incrementada a súa mobilidade e reforzada a seguridade viaria.

Con este propósito impúlsase a execución dunha nova vía que servirá de circunvalación do núcleo urbano das Pontes, separando a área industrial da zona residencial e mantendo, ao mesmo tempo, a conexión existente coa Autovía Ferrol-Vilalba. Así, construirase unha nova estrada alternativa á actual AC-861 que dará acceso ao núcleo das Pontes, de aproximadamente 1 km de lonxitude. O actual treito da estrada autonómica que discorre entre a central térmica e o ciclo combinado de gas converterase nunha vía de servizo de uso exclusivo para a central térmica.

Paralelamente, executarase unha rede de sendas de 2,5 km que garantirán a mobilidade sustentable dos veciños, con métodos alternativos á utilización do vehículo particular, a pé ou en bici. Ademais, construirase un aparcadoiro disuasorio nas inmediacións da Fundación Axencia Enerxética que estará, á súa vez, comunicado coa rede de sendas.

O Goberno galego, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, asume a supervisión e aprobación dos proxectos, así como a execución das obras necesarias para levar a cabo o seu ambicioso proxecto.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es