CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A comisión de seguimento do novo Plan de transporte público de Galicia mantén a súa primeira xuntanza coa fin de blindar os postos de emprego no sector

A Xunta, dentro dun seguimento exhaustivo do plan, iniciou un dispositivo especial de inspección para garantir que as empresas respectan o acordado nas concesións, tanto na prestación de servizos como na información aos usuarios

Neste encontro solicitouse información ás empresas sobre as incidencias que se están a producir nas subrogacións de empregados co obxectivo de analizala e traballar na busca de solucións coa maior celeridade posible

O plan contén cláusulas claras para blindar a estabilidade dos traballadores, polo que a empresa entrante e a saínte deben facilitar a súa subrogación

No caso de non ser respectadas estas condicións, as empresas estarían cometendo irregularidades que conlevarían a posibles sancións
 

Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2017.- A comisión de seguimento do novo Plan de Transporte Público de Galicia mantivo esta mañá a súa primeira xuntanza coa fin de blindar os postos de emprego no sector. Esta comisión, representada pola Xunta, os sindicatos UXT e CC.OO e a patronal do transporte, adiantou ao día de hoxe a súa constitución para garantir que as empresas cumpran coa subrogación dos traballadores.

Neste encontro realizouse unha solicitude de información ás empresas no que se refire ás incidencias que se están a producir nas subrogacións de empregados na entrada en funcionamento da primeira fase deste plan, tanto ás empresas entrantes como ás saíntes, co obxectivo de analizala e traballar na busca de solucións coa maior celeridade posible.

A Xunta lembra que o Plan de Transporte contén cláusulas moi claras para blindar a estabilidade dos traballadores, polo que tanto a empresa entrante como a saínte deben facilitar a subrogación dos traballadores e cumprir a lei e as cláusulas acordadas. No caso de non ser respectadas estas condicións, as empresas estarían a cometer irregularidades que poderían ser obxecto de sancións.

O acordo en materia laboral ratificado recentemente entre a Xunta e os sindicatos, no marco deste plan, representa unha referencia a nivel nacional ao establecer con tal grao de concreción as obrigas das empresas adxudicatarias a manter aos traballadores e as súas condicións laborais.

Dispositivo especial de inspeccións
Por outra parte, o Goberno galego, no marco do seguimento exhaustivo do desenvolvemento do plan que está a levar a cabo, iniciou un dispositivo especial de inspeccións para garantir que as empresas cumpran o acordado nas concesións, tanto na prestación de servizos como na achega de información aos usuarios.

Cómpre lembrar que as empresas adxudicatarias dos novos contratos de transporte teñen a obriga de ofrecer información aos cidadáns sobre as liñas de autobús, os horarios, as paradas e os teléfonos de contacto para os servizos a demanda.

A Consellería de Infraestruturas instou esta semana ás empresas a cumprir esta obriga que está establecida nas condicións técnicas e de explotación dos pregos de contratación asinados. Neste sentido, cabe recordar que o contratista editará e divulgará o material de información dos horarios e poñela a disposición dos cidadáns nas estacións e nos principais equipamentos como concellos, centros de saúde ou colexios.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es