CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta adxudica as obras de construción dunha senda na estrada PO-250, entre Amoedo e Pazos de Borbén, cun investimento de case 174.000 euros

A lonxitude do itinerario é duns 820 metros, cunha sección tipo que consta dunha senda de 2,5 metros de ancho separada da calzada por unha cuneta de seguridade, e unha zona axardinada máis os bordos de separación

Este itinerario está enmarcado na 1ª fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, á que a Xunta destinará 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios

Este tipo de actuacións promoven unha mobilidade máis sustentable, permitindo que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro
 

Santiago, 12 de agosto de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda vén de adxudicar as obras de construción do itinerario peonil e ciclista na estrada PO-250, no treito Amoedo- Pazos de Borbén, entre os puntos quilométricos 6+500 e 7+320.

As actuacións, que serán executadas pola empresa Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela S.L, dispoñen dun investimento de case 174.000 euros. O prazo de execución destes traballos, que se prevén iniciar en outono, é de tres meses.

O obxectivo deste proxecto é a execución dunha senda na marxe dereita da estrada PO-250, que servirá para conectar as travesías de Amoedo e Pazos. A lonxitude total da senda é de case 820 metros, cunha sección tipo que consta dunha senda de 2,5 metros de ancho separada da calzada por cuneta de seguridade, unha zona axardinada máis os bordos de separación; salvo nos últimos 70 metros, na zona urbana de Pazos, na que a sección se reduce eliminando a cuneta e a banda vexetal.

As obras previstas comprenden tamén outras actuacións necesarias para garantir a funcionalidade da senda executada. Así, levaranse a cabo a mellora da rede da drenaxe existente na zona, coa execución de foxo de seguridade e prolongación das obras de drenaxe transversal; execución de estruturas de contención de terras para ampliación da plataforma e execución da senda; ou a optimización da sinalización e o balizamento.

Plan de Sendas
Este itinerario está enmarcado na 1ª fase do Plan de Sendas de Galicia, na comarca de Vigo, á que a Xunta destinará un investimento de 3,9 millóns de euros para a execución de 9 proxectos que contemplan 11 treitos identificados como prioritarios. Estas obras serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A Xunta está a executar este tipo de actuacións coa fin de promover unha mobilidade máis sustentable, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes e alternativos á utilización do vehículo particular, porque estas sendas permitirán que os usuarios poidan facer desprazamentos cotiás andando ou en bici dun xeito seguro.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es