CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta continúa o seguimento exhaustivo do desenvolvemento do novo Plan de transporte público de Galicia coa fin de resolver incidencias puntuais coa maior celeridade posible

En moitos casos, estas incidencias xa se teñen resolto, nalgunhas estase a traballar para ofrecer unha solución o máis axiña posible ou para facer pequenos axustes que permitan mellorar o servizo

O Goberno galego, no marco deste seguimento, instou ás empresas a cumprir coa súa obriga de informar aos cidadáns sobre os horarios, as paradas das liñas de autobús ou os servizos a demanda

A Xunta vén de convocar para mañá unha comisión de seguimento para abordar cos sindicatos o cumprimento das obrigas no eido laboral por parte das empresas, que tanto entrantes como saíntes deben facilitar a subrogación dos traballadores
 

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2017.- A Xunta continúa a realizar un seguimento exhaustivo, cos concellos e coas empresas, do desenvolvemento da primeira fase do novo Plan de Transporte Público de Galicia, que vén de poñerse en marcha, coa fin de resolver incidencias puntuais coa maior celeridade posible, tal e como se veu facendo nestas primeiras xornadas.

A posta en servizo do novo plan está a caracterizarse pola normalidade nestes primeiros días, pero trátase dun proxecto que contempla case 800 liñas e preto de 10.000 paradas e preto de 5.000 horarios, unha magnitude que supón incidencias puntuais, xa que todos os cambios requiren dun período de adaptación. En moitos casos, estas incidencias xa se teñen resolto, nalgunhas estase a traballar para ofrecer unha solución o máis axiña posible ou para facer pequenos axustes que permitan mellorar o servizo.

O Goberno galego apela á colaboración e coordinación entre a Xunta, os concellos e as empresas para resolver os posibles contratempos, ofrecer a máxima información por parte das empresas aos usuarios e facer aquelas adaptacións que supoñan un servizo que dea resposta ás necesidades reais dos cidadáns.

A Xunta, no marco deste seguimento, instou onte ás empresas adxudicatarias das novas concesións a cumprir coa súa obriga de informar aos cidadáns sobre os horarios, as paradas das liñas de autobús ou os servizos a demanda, co obxectivo de resolver as carencias de información aos usuarios que se viñeron producindo no primeiro día de funcionamento.

Os contratos asinados recentemente coas empresas recollen explicitamente nas condicións técnicas e de explotación a obriga de difusión de información sobre os servizos. Neste sentido, establécese que o contratista editará e divulgará o material de información dos horarios e poñela a disposición dos cidadáns nas estacións e nos principais equipamentos como concellos, centros de saúde ou colexios.

Para facilitar a información aos usuarios, a páxina web da Consellería de Infraestruturas e Vivenda tamén dispón dos teléfonos de contacto das empresas e de reserva de servizo do transporte a demanda naqueles puntos nos que estea previsto. No seguinte enlace pódense consultar estas canles de información: http://goo.gl/7kwkSF

Comisión de seguimento
O Executivo autonómico vén de convocar para mañá unha comisión de seguimento do plan para abordar cos sindicatos o cumprimento das obrigas das empresas no eido laboral, pois tanto a empresa entrante como a saínte deben facilitar a subrogación dos traballadores e cumprir a lei e as cláusulas acordadas.

O Plan de Transporte contén cláusulas moi claras para blindar a estabilidade dos traballadores que deben ser respectadas, pois do contrario, as empresas estarían a cometer irregularidades.

 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es