CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta inicia na travesía de Láncara as obras de reforzo do firme

O delegado territorial, José Manuel Balseiro, desprazouse ata o lugar para coñecer o alcance dos traballos, que teñen un prazo de execución de seis meses

Láncara (Lugo), 9 de agosto de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda deu comezo na travesía de Láncara ás obras de reforzo do firme localizado nas estradas LU-621 e LU-633, nas que inviste 575.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse hoxe ata Láncara para coñecer o alcance e o cronograma previsto para os traballos, que teñen un prazo máximo de execución de seis meses.

Na travesía de Láncara (LU-621) estase a executar a rehabilitación e repintado do firme entre os puntos quilométricos 9,600 e 11,300, actuando en todo o ancho da sección; o groso dos labores rematarán esta mesma semana. Repararanse as deformacións existente, e a continuación estenderase unha nova capa de rodadura de mestura betuminosa en quente. Isto suporá unha importante mellora da estrada neste tramo, que conta na actualidade con firme de macadam.

Está previsto que a vindeira semana comecen xa as obras na LU-633, na que se desenvolverán a maior parte das actuacións. Estes traballos suporán máis do 85% do orzamento total das intervencións.

Nesta estrada repararase o firme mediante fresados e reposicións localizadas entre os puntos quilométricos 13,500 e 26,400, que comprenden 8,8 quilómetros do concello de Triacastela e 4,1 quilómetros do de Pedrafita do Cebreiro.

O delegado territorial subliñou que a Xunta traballa para “manter a rede de estradas autonómica na provincia nas mellores condicións posibles, co obxectivo de incrementar a seguridade viaria e a confortabilidade para os usuarios”.

Neste sentido, Balseiro lembrou que en Láncara remataron recentemente as obras de rehabilitación localizada do pavimento que a Consellería de Infraestruturas e Vivenda executou tamén na LU-621 entre a Pobra de San Xiao e Baralla (puntos quilométricos 2,100 ao 9,600), e na LU-622, entre Corvelle e Láncara, que sumaron un investimento de case 254.000 euros.

Tamén o pasado ano realizáronse obras de mellora do firme na LU-621 nun tramo de 2,6 quilómetros no concello de Baralla, entre Pousada e a intersección coa N-VI (puntos quilométricos 19,000 a 21,658), no que se investiron aproximadamente 150.000 euros.
 

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es