CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O Concello de Baltar únese ao Programa de vivendas baleiras da Xunta para destinar os inmobles desocupados neste municipio a familias en dificultades

Neste momento, son xa 45 os concellos galegos que forman parte desta iniciativa social posta en marcha polo Executivo autonómico

As vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e outro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica

A Xunta reitera a importancia de que todos os municipios galegos se doten dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2017.- O Concello de Baltar vén de asinar o convenio de adhesión ao Programa de vivendas baleiras da Xunta que ten por obxectivo destinar os inmobles desocupados deste municipio a alugueiro social para familias en dificultades. Este acordo fixa un prezo máximo da renda do alugueiro de 250 euros, no caso do Concello de Baltar, e a contía vén determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

Neste momento, son xa 45 os municipios, que forman parte desta medida social pioneira no Estado, que ten como obxectivo crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitados, contando, para isto, coa colaboración das administracións locais.

As vivendas que se incorporan a este programa están dobremente aseguradas pola Xunta mediante un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Con estes seguros que financia o Goberno galego, o propietario pode ver como o piso que cede en alugueiro para axudar as familias está totalmente asegurado e así evitaranse problemas como os que teñen trasladado distintos colectivos sociais, ante as dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en risco social.

A Xunta reitera a importancia de que todos os municipios galegos colaboren dotándose dos instrumentos necesarios para ofrecer solucións reais a familias que teñen problemas reais en materia de vivenda, sexa cal sexa o lugar onde vivan.

Cómpre lembrar que o Goberno galego está a impulsar un total de 12 medidas, entre elas, este Programa de vivendas baleiras, un conxunto de actuacións que a Valedora do Pobo, no seu informe de 2015, recoñece “significativamente máis ambicioso que o doutras comunidades autónomas”.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es