CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

A Xunta destina un investimento de 8 millóns de euros a axudas á rehabilitación de vivendas que permitirán beneficiar a 2500 familias en Galicia

O Goberno galego destina 2,9 millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas situadas na ARI dos Camiños de Santiago, cuxas anteriores convocatorias acadaron 255 inmobles rehabilitados e 235 xa en trámites

Outra liña de axudas publicada é a de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, cunha achega dun millón de euros para este exercicio

Os propietarios e comunidades de propietarios de edificios de vivendas tamén poderán optar a axudas de rehabilitación de ata 12.100 euros por inmoble grazas á partida de 2,7 millóns de euros achegada pola Xunta

Entre as actuacións subvencionables destacan as de cimentación, estrutura, fontanaría, illamento térmico, substitución de carpintarías ou instalación de ascensores, salvaescaleiras ou ramplas para mellorar a accesibilidade

O Executivo autonómico tamén achega 300.000 euros ao Programa Rehaluga, dirixido aos propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras para a rehabilitación e mantemento das mesmas

A Xunta destina este ano 600.000 euros a axudas á obtención do informe de avaliación, un requisito necesario para solicitar axudas en materia de rehabilitación, accesibilidade ou eficiencia enerxética en edificios residenciais

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2017.- A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), vén de convocar varias liñas de axudas para a rehabilitación de vivendas, mediante un investimento de 8 millóns de euros, que permitirán beneficiar a 2.500 familias na comunidade.

Estas convocatorias de subvencións publicáronse no Diario Oficial de Galicia (DOG) ao longo desta semana. Trátase de axudas destinadas á rehabilitación de vivendas na ARI dos Camiños de Santiago; ao remate de fachadas e cubertas e á reconstrución de edificios e inmobles no ámbito rural e nos conxuntos históricos; ou á rehabilitación de edificios.

A estas axudas cómpre sumarlle outras dúas de recente convocatoria, como as correspondentes ao Programa rehaluga, dirixidas aos propietarios de inmobles incluídos no Programa de vivendas baleiras; para rehabilitación de infravivendas emprazadas en concellos de menos de 10.000 habitantes; e para a obtención do informe de avaliación, que será imprescindible para solicitar subvencións para obras de conservación, rehabilitación, accesibilidade ou eficiencia enerxética en edificios de tipoloxía residencial colectiva.


ARI dos Camiños de Santiago

A Xunta destina este ano máis de 2,9 millóns de euros ás axudas de rehabilitación de vivendas situadas na ARI dos Camiños de Santiago.

Poderán ser persoas beneficiarias destas axudas as comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios ou de vivendas que estean emprazadas no ámbito da ARI dos Camiños de Santiago e estean en posesión da correspondente resolución de cualificación definitiva outorgada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo.

As persoas interesadas en acceder a estas axudas poderán solicitalas ata o 30 de novembro de 2017. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta convocatoria: goo.gl/uDRPLg.

O importe máximo da axuda será de 15.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán de financiamento estatal e non poderán superar máis do 35 por cento do orzamento e 4.000 de financiamento autonómico, co límite do 10 por cento do orzamento.

A delimitación da ARI comprende o trazado das setes rutas do Camiño en Galicia:

• Francés. Dende Pedrafita do Cebreiro ata Santiago de Compostela
• Da Prata I. Dende A Mezquita ou Verín ata Ourense e da Prata II. Dende Ourense ata Santiago de Compostela
• Inglés. Dende Ferrol ou A Coruña, xuntándose en Mesía ata Santiago de Compostela
• Primitivo. Dende A Fonsagrada ata Melide que conecta co Camiño Francés
• Norte. Dende Ribadeo ata Arzúa que conecta co Camiño Francés
• Fisterra-Muxía. Dende Santiago de Compostela ata Fisterra con desvío Muxía
• Portugués. Dende Tui a Santiago de Compostela

A de 2017 é a terceira convocatoria deste tipo de axudas, posto que ao abeiro das dúas anteriores xa se rehabilitaron 255 vivendas, con preto de 1,5 millóns de euros e están en trámites outras 235, con subvencións de máis de 1,1 millóns de euros.

Rural e conxuntos históricos
Outra liña de axudas que o Goberno galego vén de convocar é a de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos Camiños de Santiago, cunha achega dun millón de euros para este exercicio. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, dende a publicación desta convocatoria no DOG: goo.gl/uDRPLg.

Os beneficiarios son os promotores das actuacións que conten coa resolución de cualificación definitiva ou coa cédula de rehabilitación de calidade. Ademais a vivenda deberá ser domicilio habitual do propietario ou dun inquilino no caso de estar alugada. A única excepción son os galegos residentes no exterior da comunidade autónoma e que non destinen a vivenda ao alugamento, pois neste caso a obriga limitarase á residencia na vivenda rehabilitada ou reconstruída durante un período de, polo menos, 15 días ao ano.

O importe da subvención será do 50 % do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, cun límite de de 6.600 euros no caso de remate de fachada e rehabilitación, e de 8.600 euros na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

Edificios
A Xunta destina máis de 2,7 millóns de euros ás axudas de rehabilitación edificatoria incluídas no Plan de vivenda, tal como establece a orde que vén de publicar o DOG: https://goo.gl/SZx7xD.

Os beneficiarios destas axudas serán as comunidades de propietarios e as persoas físicas propietarias únicas de edificios de vivendas que cumpran os requisitos establecidos. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes dende este anuncio.

O importe das axudas poderá acadar un máximo de 11.000 euros por vivenda, 12.100 cando se trate de edificios declarados bens de interese cultural, catalogados ou que conten con protección integral no instrumento de ordenación urbanística correspondente. No caso de actuacións para a mellora da accesibilidade, a axuda poderá chegar ao 50 % do custo.

Entre as actuacións subvencionables, destacan as referidas a cimentación, estrutura, instalacións, cubertas, fachadas , instalacións comúns de electricidade, fontanaría, gas ou saneamento co obxectivo de adaptalas á normativa vixente.

No que se refire á mellora da calidade e sustentabilidade, poden ser obxecto das axudas o illamento térmico, a substitución de carpintarías ou a instalación de equipamentos que permitan a utilización de enerxías renovables ou o aforro de auga.

En relación á accesibilidade, inclúense a instalación de ascensores, salvaescaleiras ou ramplas, así como a adaptación dos dispositivos xa existentes.

Informe de avaliación
A Xunta de Galicia destina este ano 600.000 euros a axudas á obtención do informe de avaliación do edificio. O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses, contados a partir da publicación deste anuncio no DOG: goo.gl/MlyZWv.

Este informe é un requisito necesario para solicitar axudas públicas destinadas a acometer obras de conservación, rehabilitación, accesibilidade ou eficiencia enerxética en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

Programa Rehaluga
A convocatoria de axudas do programa Rehaluga publicouse no DOG o pasado 29 de maio, cunha dotación de 300.000 euros para 2017. Máis información: http://bit.ly/2rHRdIk

Poderán beneficiarse destas axudas os propietarios de vivendas incluídas no Programa de Vivendas Baleiras creado pola Xunta, para a rehabilitación e mantemento das mesmas. A axuda será de ata 5.500 euros parta a realización de obras de conservación, mantemento e rehabilitación das mesmas no caso de vivendas unifamiliares e de 4.000 euros cando se trate de inmobles emprazados en edificios de tipoloxía residencial colectiva.

Infravivenda
Estas axudas á rehabilitación de infravivendas subvencionarán ata o 95 % do custe das actuacións nestes inmobles situados en concellos de menos de 10.000 habitantes. A dotación para 2017 é de 500.000 euros. Máis información: http://bit.ly/2s33APq.

Estas subvencións, dirixidas aos concellos, serán aplicables á rehabilitación de infravivendas de propiedade privada, sempre que o propietario sexa un dos integrantes da unidade familiar que habita na mesma e os ingresos familiares sexan inferiores a unha vez o Iprem. Tamén serán obxecto das axudas as edificacións ou vivendas de propiedade municipal que se rehabiliten para destinalas a solucionar os problemas de residencia de unidades de convivencia.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es