CMATI

Vostede está en:
|
|
|
Compartir

O CCVV licita dúas novas promocións no barrio histórico

Estas actuacións suman en conxunto un orzamento de preto de 372.000 euros nunha zona na que non é doado que chegue a iniciativa privada

O Consorcio Casco Vello de Vigo vén de presentar o seu plan de actuación ata 2020 cunha inversión proxectada que supera os 15 millóns de euros

Os investimentos para os vindeiros 7 anos levaranse a cabo nas zonas alta e baixa e permitirán ter rehabilitados 5.000 metros cadrados de vivendas e 1.900 de locais
 

  • O Consorcio Casco Vello de Vigo vén de presentar o seu plan de actuación ata 2020 cunha inversión proxectada que supera os 15 millóns de euros

Vigo, 15 de xuño de 2017.- O Consorcio Casco Vello de Vigo (CCVV) continúa a súa aposta pola rehabilitación e recuperación do barrio histórico da cidade coa licitación de dúas novas promocións, tal e como o anunciou esta mañá en rolda de prensa o delegado territorial da Xunta en Vigo e presidente do organismo, Ignacio López-Chaves. Concretamente sairán á contratación os inmobles sitos nas rúas Ferrería 8 e Cruz Verde 8 por un valor de 183.260 euros e 188.695,94 respectivamente. En conxunto o orzamento de licitación achégase aos 372.000 euros.

Trátase de dúas novas vivendas, de dous dormitorios a primeira e tres a segunda, coas que se lle da resposta a crecente demanda de pisos de máis habitacións, tal e como sinalou López-Chaves. Ocupan unha superficie ao redor de 118 metros cadrados.

“Continuámolo noso traballo coa execución de dous novos edificios que se suman aos que xa temos en marcha nestes intres e que se corresponden con Subida ao Castelo 12 e Subida Costa 5, de xeito que non tardaremos en ter catro inmobles en obras”, indicou na súa intervención. Neste senso, fixo referencia ao último Consello de Administración do CCVV no que se acordou iniciar os trámites para solicitar a prórroga do convenio subscrito entre as administracións local e autonómica por un espazo temporal de sete anos, o maior acordado ata o de agora. Unha iniciativa que ao parecer concita o respaldo das dúas administracións consorciadas, nun 90% a Xunta e nun 10% o Concello.

Na devandita cita, o organismo do que é presidente López-Chaves presentou o plan de actuación 2018-2024 cunha inversión prevista que supera os 15 millóns de euros. Os investimentos previstos levaranse a cabo nas zonas alta e baixa do casco histórico vigués e permitirán ter rehabilitados 5.382,52 metros cadrados de vivendas e 1.882,08 de locais. En conxunto o plan recolle como obxectivo de partida a rehabilitación dunha decena de edificacións nos vindeiros sete anos, que podería elevarse de aprobar, como ten avanzado o Goberno local, a vía da expropiación.

Investimentos que levan aparellada unha achega adicional tanto por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) coma do Concello, cunha contía de 1,4 millóns o primeiro e 140.000 euros o segundo. Neste senso, o delegado territorial da Xunta en Vigo volveu a insistir en que se trata da maior inversión da Administración autonómica no eido da rehabilitación e recordar que este organismo é o único consorcio que existe en Galicia.

Labor do CCVV
Nestes doce anos, o Consorcio Casco Vello adquiriu 68 inmobles situados dentro dos límites do seu ámbito de actuación, fixados polo PEPRI Casco Vello. Deles 46 están xa totalmente rehabilitados, 7 foron transferidos a outros organismos, 4 están en proceso de construción, 5 en proxecto e tan só en seis deles, a maior parte de recente adquisición, non se iniciaron aínda os labores de rehabilitación.

O consorcio promoveu 108 vivendas, das que 83 xa foron vendidas e outras 15 están en distintas fases de execución. En canto aos locais comerciais, interveuse en 33, dos cales 29 xa están totalmente finalizados, e unha boa parte deles están xa vendidos ou alugados. O investimento total desde a súa constitución supera os 45 millóns de euros.

Departamentos relacionados

  • Gabinete de comunicación

  • Correo-e: civ.prensa@xunta.es